Os populares esixen a PSOE e BNG que cumpran coas súas obrigas á fronte da Deputación e poñan a disposición de todos os municipios os medios necesarios para mellorar a xestión do ciclo da auga xa que «o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os concellos no día a día».
Antonio Ameijide xunto aos concelleiros populares en Monforte, Katy Varela e José Luis Rodríguez, analizou o caso deste municipio no que practicamente cada semana se producen rebentóns na rede sen que José Tomé dende a alcaldía de Monforte ou dende a presidencia da Deputación «busque poñer unha solución»
· A Deputación de Lugo, como sucedeu na primeira convocatoria do PERTE da auga, negouse a liderar proxectos para os concellos da provincia como tampouco colaborou con ningún dos 11 municipios lucenses que optaron a estas axudas: «O PSOE e o BNG na Deputación de Lugo nin están nin se lles espera»
· O Concello de Monforte foi un dos 11 municipios lucenses que concorreu ao segundo PERTE da auga pero, pese a que superou o corte, quedou fóra dos fondos: «seguramente se a Deputación prestara a colaboración que debe, os concellos lucenses terían acadado financiamento europeo para mellorar a xestión do ciclo da auga»
· Katy Varela pon de relieve a realidade de Monforte, un municipio no que case todas as semanas hai roturas na rede por mor da «nula preocupación» de Tomé por mellorar a xestión do ciclo da auga: «Se o alcalde se preocupase menos de asfaltar sobre o asfaltado e tivese unha planificación de mellora do ciclo da auga, moito mellor nos iría aos monfortinos»
· A voceira popular en Monforte tamén pon sobre a mesa «a gran preocupación» que hai no municipio pola imaxe que amosa o río, «con moita espuma durante moitas épocas do ano, como agora»
· Dende o Grupo Provincial Popular recordan que PSOE e BNG votaron en contra, no pleno de xullo, dunha iniciativa do PP para que a Deputación puxese en marcha un plan de apoio aos municipios para mellorar a xestión do ciclo da auga no que se debería de incluír, entre outras cuestións, asesoramento técnico, coordinación para impulsar de forma conxunta proxectos para presentar ás convocatorias de axudas para a mellora do ciclo da auga e apoio económico a tódolos municipios para investimentos en obras destinadas ao abastecemento, saneamento e mellora do ciclo da auga
· Ameijide sinala que é unha obriga da Deputación prestar asistencia aos concellos e, no caso do ciclo da auga, segundo o artigo 26.2.b da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, será a Deputación a que coordinará os servizos de abastecemento de auga potable e evacuación e tratamento de augas residuais nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes