A Xunta colabora con esta iniciativa solidaria organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo e a Garda Civil para o día 29 deste mes.
A I Ruta Xuntos e seguros, camiñamos para recadar fondos a favor de Aspnais, que se desenvolverá o domingo 29 de setembro, mantén aberto o prazo de inscrición ata o luns día 23.
A Xunta de Galicia colabora con esta campaña solidaria, que está organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo e a Garda Civil.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa na Comandancia da Garda Civil de Lugo, xunto co coronel xefe, Manuel Touceda; o presidente da Asociación Amigos do Camiño, Ángel Trabada, e o presidente de Aspnais, José Reigosa – entre outras persoas -.
A andaina discorrerá ao longo de 10 quilómetros do Camiño Primitivo no municipio lucense, entre Bascuas e Lugo. A inscrición ten un custo de 10 euros e tamén existe a posibilidade de mercar un Dorsal 0, ao prezo de 7 euros, que non implica a realización da ruta. O ingreso debe realizarse na conta habilitada pola organización: ES70 2080 0163 8930 4006 5919.