Enmárcase no novo Plan MEGA de mellora educativa para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado e personalizar o apoio educativo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai “reforzar con 400 profesores adicionais os centros educativos galegos” a partir deste curso que comeza o vindeiro 11 de setembro. Será no marco do novo Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego aprobada no Consello da Xunta para incrementar o nivel das competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar no modelo de ensino inclusivo que caracteriza a nosa Comunidade.
A través del promoverase non só o éxito escolar, senón tamén o desenvolvemento persoal do alumno nunha contorna educativa en que prime a convivencia, a valoración da diversidade e o benestar emocional.
O desenvolvemento deste plan implica unha modernización do ensino centrada en aumentar a eficiencia, a eficacia e a equidade para garantir o éxito escolar, fomentar a cultura inclusiva, potenciar a formación docente e simplificar os procedementos administrativos, e tal e como resaltou Rueda, susténtase en dous eixes: “o acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais e as avaliacións de diagnóstico realizadas o curso pasado”.
Por unha banda, o acordo inclúe medidas estruturais enfocadas a afrontar os retos presentes e futuros da educación en Galicia a través de accións como a redución progresiva da ratio de alumnos por aula, a mellora da atención á diversidade, o reforzo da carreira profesional docente ou a simplificación administrativa, entre outros.
Por outra banda, o desenvolvemento de avaliación de diagnose entre o alumnado de primaria e ESO son probas que posibilitan aos centros educativos a detección das súas debilidades e a identificación de áreas de mellora, facilitando deste xeito a toma de decisións, baseándose en datos concretos do seu alumnado e no seu contexto.
Tal e como explicou Rueda, o Plan MEGA “estará dotado de 77M € para os vindeiros catro anos” e “beneficiará a uns 400 centros educativos cada no”.
A iniciativa complétase con formación específica no ámbito da inclusión e innovación educativa, a través do Plan anual de formación do profesorado.
Obxectivos
O obxectivo do Plan MEGA é potenciar un sistema educativo que permita a cada estudante acadar o seu máximo potencial a través do seu mellor integral, tanto académico como persoal e social. Ao tempo, estimúlase o contexto de equidade educativa, a redución do abandono escolar e fortalécense as competencias docentes.
Ademais, o plan permitirá que o alumnado galego avance na consecución dos obxectivos marcados polo Consello da Unión Europea, segundo os cales, para 2030, a porcentaxe de mozas e mozos de 15 anos cun baixo rendemento en comprensión lectora, matemáticas e ciencias debe ser inferior ao 15 %.
Nesta liña, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que o Plan inclúe medidas para “avanzar nun aprendizaxe máis personalizado, reforzar as competencias clave e a atención a todo tipo de diversidade”.
Atención especializada para o éxito
O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, en diferentes etapas desde infantil ata FP básica pasando por primaria e ESO para dar cumprimento a diferentes obxectivos: Promociona, PROA+ (reforzo, orientación e apoio), reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática, apoio educativo para o alumnado estranxeiro e impulso de centros referentes.
O programa Promociona centrarase en promover o apoio, a participación e a promoción do alumnado que presenta necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fortalecendo o modelo de inclusión educativa de Galicia e creando un contorno educativo máis accesible, equitativo e enriquecedor para todo o alumnado.
Diríxese aos escolares de infantil e primaria e leva consigo a realización dun proxecto educativo inclusivo en cada un dos centros que o desenvolva para a mellora da equidade e dos resultados educativos.
Os docentes de reforzo previstos para este programa xa estarán nas aulas ao inicio do curso, segundo explicou o conselleiro.
No caso do PROA+, centra a súa acción nos centros cunha porcentaxe significativa de alumnado con vulnerabilidade socioeducativa, aplicando medidas de reforzo, orientación e apoio con especial fincapé na atención das necesidades específicas de apoio educativo.
Os centros beneficiarios deste programa deberán asumir o compromiso de deseño, aplicación, seguimento e avaliación dun plan estratéxico de mellora, con accións para reforzar as competencias clave ou a aplicación de novas formas de organización e xestión do centro orientadas á mellorar o éxito educativo de todo o alumnado. Neste caso, o profesorado se incorporará no mes de outubro.
Reforzo das competencias lectora e matemática
O programa de reforzo da comprensión lectora artellarase a través da posta á disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura, que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes
A biblioteca funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.
A través do programa de reforzo da competencia matemática adaptarase o proceso de ensinanzas ás necesidades e tipos de aprendizaxe diferentes de cada alumno, especialmente dos escolares de primaria, con atención específica a aquel que presenta un peor rendemento.
A maiores, estimularase a participación activa do alumnado en actividades educativas relacionadas con esta área do coñecemento.
Apoio ao alumnado estranxeiro
Orientado a facilitar o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, o Programa galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro organizará as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar.
A través del proporcionarase apoio ao alumnado para asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva e fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura. Ademais, impulsarase o desenvolvemento de actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.
Impulso de centros referentes
O exemplo das boas prácticas doutros centros inflúe de xeito positivo na comunidade educativa. Desde ese punto de vista, o Programa para o impulso de centros referentes impulsará que os centros desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros destacados dentro dos contextos da inclusión e a innovación educativa.
Os centros que participen no programa poderán facelo a través de proxectos que se centren na promoción da igualdade, da convivencia, da inclusión e do benestar emocional. Tamén con iniciativa para reforzar as competencias matemática e lectora, a internacionalización e as prácticas ambientalmente sustentables.
O conselleiro de Educación salientou a batería de medidas postas en marcha este curso que fan que o sistema educativo galego “viva a maior modernización dos últimos 30 anos”.