O PP de Viveiro pregunta ao goberno local se está en marcha a adxudicación de postos vacantes na Praza de Abastos

por Redacción Lugo

A portavoz, Mariña Gueimunde, cre que «non podemos permitir que a Praza de Abastos perda actividade e praceiros día a día»: en setembro do ano pasado a ocupación era do 50%, pero «na actualidade só quedan en activo 3 postos dos 12 existentes»

O PP de Viveiro pide explicacións ao goberno local de PSOE e BNG sobre a situación na que se atopan os pregos para a licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos, así como información sobre as liñas de axudas solicitadas polo Concello neste exercicio ante as distintas administracións para a dinamización e mellora deste espazo municipal, tal e como se acordara por unanimidade no pleno de setembro do 2023 ante unha iniciativa do Grupo Municipal Popular.

A portavoz, Mariña Gueimunde, sinala que “nos temos interesado en varias ocasións sobre a Praza de Abastos porque día a día perde actividade e praceiros”: en setembro do ano pasado a ocupación era do 50%, pero “na actualidade só quedan en activo 3 postos dos 12 existentes”.

A popular defende que “é un dos espazos máis importantes, tradicionais, populares e incluso turísticos do noso concello”; ademais subliña “a súa situación estratéxica e o seu valor como escaparate do produto local de calidade vencellado á sustentabilidade, á protección do medio ambiente e ao compromiso coa sociedade”. Polo tanto, “cremos que debemos apostar por el”. Nese sentido, pedimos ao goberno do Concello que saquen a licitación os pregos para adxudicar os postos vacantes porque “de nada serve ter unha Praza de Abastos preciosa se perden o interese en que se ocupen os postos”.

Así mesmo, engade que “esperamos que o Concello pedira as axudas para revitalizar estes mercados en relación ás necesidades dos comerciantes e consumidores, tal e como acordamos tódolos grupos fai un ano”. O acordo adoptado a instancia do Partido Popular recollía a adhesión do Concello de Viveiro ás convocatorias e liñas de axudas ofertadas polas distintas administracións a prol dos mercados e prazas de abastos, ademais de reservar unha partida económica nos presupostos de 2024 para o mantemento e mellora de servizos básicos en tanto non se executaba un proxecto máis ambicioso.

LIÑAS DE AXUDAS DA XUNTA

A Xunta puxo a disposición dos Concellos distintas liñas de axudas. Unha da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para o impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos que supón a adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais. E outra da Axencia Galega para o desenvolvemento rural  AGADER, destinada a promover a rehabilitación e reforma de mercados municipais de produtos agroalimentarios.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario