A portavoz de Xustiza do Grupo Parlamentario Socialista, Paloma Castro, criticou o “racaneo” do Goberno galego cos dos dous únicos partidos xudiciais de España con máis de oito xulgados de instrución que aínda carecen dese sistema.
O Grupo Parlamentario Socialista reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que habilite nos Orzamentos do 2025 unha partida para a implantación do novo sistema de gardas de 24 horas, con quenda rotatoria diaria, nos xulgados da Coruña e Vigo. Trátase dunha demanda reiterada e “xusta” na que coinciden “xuíces, letrados da Administración de Xustiza, funcionarios e operadores xudiciais”, destacou a portavoz socialista de Xustiza, Paloma Castro, durante a defensa da proposta en comisión.
A deputada do PSdeG criticou que “os únicos que non ven necesaria esta medida son o Goberno galego e o Grupo Parlamentario Popular, que o sustenta”, o cal pon en evidencia o “racaneo” da Xunta coa Xustiza.
Tal como recolle a proposición non de lei que o PP votou hoxe en contra, insistindo os populares en obstruír a implantación das quendas de 24 horas, os partidos xudiciais da Coruña e Vigo son os únicos de España con máis de oito xulgados de instrución que manteñen as gardas semanais.
Iso tradúcese en que o xulgado de garda debe atender durante sete días consecutivos, “ademais dos asuntos propios, todo o que entre con urxencia: atestados, denuncias e querelas, requisitorias, primeiras dilixencias de instrución criminal, adopción de resolucións sobre a situación dos detidos, celebración de xuízos urxentes, internamento, entradas e rexistros fóra de sede xudicial e os procedementos por violencia urxentes, que supoñen varios días ou, no mellor dos casos, horas de tramitación”, relatou Castro, que lembrou que a todo o anterior se suma que sábados, domingos e festivos asume tarefas de rexistro civil e expide as licenzas de enterramento.
Para a portavoz de Xustiza do Grupo Socialista é evidente a “gran sobrecarga de asuntos novos e o atraso dos anteriores, e, en consecuencia, a ralentización dos procedementos, por non falar do esgotamento do persoal”. Pola contra, as quendas de 24 horas “alivian notablemente este colapso”.
As gardas de 24 horas en quendas rotatorias foron incluídas no Regulamento do 2005 sobre os aspectos accesorias das actuación xudiciais, que recollía a necesidade de que o Consello Xeral do Poder Xudicial puidera acordar a extensión dese sistema a partidos xudiciais con máis de oito xulgados de instrución. Para a adopción desa medida téñense en conta, tal como explicou Paloma Castro, factores coma o volume de asuntos penais tramitados, a poboación do territorio do partido xudicial ou as características da organización xudicial.
Castro recordou tamén que, analizadas esas circunstancias, é preceptiva unha proposta da Xunta de Xuíces e da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, ademais de informe previo do Ministerio de Xustiza e da comunidade autónoma. Ambos trámites xa se cumpren no caso da Coruña e Vigo, e o informe do ministerio “entende que a implantación deste sistema melloraría a calidade do servizo de cara á cidadanía”, como tamén que o Estado “estaría disposto a asumir o custe das novas quendas” na parte que lle corresponde, explicou a deputada socialista.
“Polo tanto, a pelota queda no tellado da Xunta de Galicia, para que recoñeza os beneficios procesuais desta medida e asuma nos Orzamentos do 2005 a parte que lle corresponde do custo deste novo sistema”, concluíu.