A UDC inicia o próximo luns o curso académico 24-25 con preto de 13.300 persoas matriculadas nalgún dos 54 graos ofertados

por Redacción A Coruña

Ricardo Cao debullou hoxe nun almorzo con xornalistas as principais liñas de traballo para o novo curso, no que a internacionalización e o impulso á transferencia de coñecemento e a investigación serán eixos claves.

O próximo 9 de setembro arranca o período lectivo na UDC, con preto de 13.300 persoas matriculadas nalgún dos 54 graos da UDC, das que 3.480 son alumnos e alumnas de nova matrícula(2.870 nos campus da Coruña e 610 Ferrol). Así, ao redor do 95% das titulacións que ofrece este ano a Universidade quedaron completas antes da última quenda, habendo neste momento só 12 titulacións con algunha praza vacante, o que reflicte “a boa acollida da nosa oferta formativa”, explicou o reitor Ricardo Cao.   

Neste sentido, avanzou que na UDC xa se está a traballar no estudo de novas titulacións, tendo en conta que hai unha mesa de traballo aberta coa Administración autonómica e as tres universidades do SUG para este fin, un labor no que debemos ir en paralelo -explicou Cao- co avance decidido na implantación das microcredenciais, en liña co marcado pola UE. 

O reitor da UDC debullou nun almorzo informativo, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña (APC), os principais datos do inicio do curso na UDC, así como as liñas de traballo fundamentais para esta nova etapa, nas que a internacionalización e a investigación e transferencia de coñecementos serán claves nun curso no que a LOSU seguirá a ser protagonista pola súa implantación. 

Ás cifras de grao hai que sumar os 65 mestrados ofertados na UDC, cunha matrícula actual superior ás 1.000 persoas, pero que está aberta todo o mes de setembro polo que a cifra neste eido é bastante provisional. 

Na súa intervención, Cao destacou a importancia da internacionalización na estratexia do equipo de Goberno da UDC, enmarcada especialmente no recentemente constituído Eurocampus Emerge, posto en marcha por 9 universidades europeas, entre elas a UDC -a única española desta iniciativa-. Trátase, lembrou Cao, dun proxecto ambicioso que conta cun total de 14,5 millóns de euros da Comisión Europea e que prevé, xunto a outras alianzas europeas, sentar as bases da futura educación superior dentro da UE. Do mesmo xeito que o programa Erasmus impulsou importantes cambios no ámbito universitario europeo, estas universidades europeas, como Emerge, prevén acelerar e mellorar a mobilidade real entre o alumnado universitario da UE. 

Impulso ao binomio Universidade-sociedade

A inclusión de dous novos centros na rede de centros de excelencia da UDC, sumado á renovación do Campus Industrial de Ferrol foron dous fitos do curso que acaba de rematar e sentan as bases para novos retos.

Logros, subliñou Cao, que permiten traballar cunha estrutura reforzada para acadar situarnos en posicións de referencia en ámbitos tan esenciais como a caBiotecnoloxía, a Ciencias de Datos ou a Intelixencia Artificial, entre outros. 

Neste senso, valorou moi positivamente a excelencia en investigación reflectida, entre outros indicadores, no número de investigadores excelentes, actualmente 92, que contan con bolsas de recoñecido prestixio e desenvolven a súa actividade investigadora na UDC. De feito, este verán vén de asinar a incorporación Diego Martínez, como segundo investigador Oportunius, que traballa nun proxecto para desenvolver un novo software de toma de datos e unha serie de medidas de precisión para a desintegración de partículas.

Por último, o reitor da UDC destacou o papel dinamizador que debe ter a Cidade das TIC no ecosistema dixital, non só da Coruña senón de todo a súa contorna. Repasou a situación dos diferentes proxectos actualmente en marcha neste recinto. O Galaxy Lab, centro de experimentación avanzada de Intelixencia Artificial; o Centro de Servizos Avanzados (CSA), en funcionamento; o Plató Virtual, impulsado pola Deputación da Coruña, coas obras en marcha e unha previsión de remate a finais deste ano o que suporá un impulso importante para a Cidade das TIC; o Centro de Formación Especializada, promovido pola Xunta de Galicia, en redacción do proxecto. 

Por último, a creación de varios platós físicos, complementarios aos virtuais, promovidos por Pedralonga Estudios, unha das últimas iniciativas en sumarse a este proxecto global. Conta xa con cesión de uso. Están coa definición do proxecto construtivo e entre ambos platós converterá a Cidade das TIC nun referente para a produción audiovisual.  No eido da Intelixencia Artificial está previsto tamén o desenvolvemento da  incubadora de alta tecnoloxía SinerxIA. Esta nova instalación está destinada a mellorar a transferencia de coñecementos no campo de la intelixencia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario