A Xunta patrocina o IV Trofeo Internacional de Volei feminino, que se celebrará en Lugo o 14 de setembro

por Redacción Deportes

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na presentación do IV Trofeo Internacional de Volei feminino, que organiza o Club Voleibol Emevé e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia como patrocinador único.

O torneo enfrontará ás anfitrioas, o Arenal Emevé, co SC Braga o sábado 14 de setembro, ás 12.00 horas, no pavillón municipal.

Javier Arias considera “un auténtico luxo” contar na cidade por cuarto ano consecutivo co único trofeo internacional feminino de máxima categoría “recibindo ademais a un equipo de altísimo nivel e cun historial de éxitos en Portugal como é o SC Braga”.  

O delegado gabou ademais o “traballo exemplar” do club Emevé “que se reflicte cos equipos xogando na máxima categoría masculina e feminina”. Para Arias, “o deporte na provincia goza de moi boa saúde, e iso é en boa medida grazas ao firme apoio da Xunta, tanto aos deportistas profesionais como ás categorías inferiores”.

O Trofeo Internacional de Volei Feminino conseguiu consolidarse como cita ineludible da pretemporada oficial de voleibol no noroeste de España.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario