O Diario Oficial de Galicia (DOG) fai públicas hoxe as axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria de 2024, que conta cun orzamento global de 4,8 millóns de euros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que dá conta das 60 empresas beneficiarias do programa Investigo este ano, que contratarán un total de 152 persoas desempregadas menores de 30 anos en actividades de I+D+i.
Trátase da terceira convocatoria deste plan da Xunta que busca xerar emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Neste 2024, destínanse en concreto 4,8 millóns de euros a apoiar a contratación de menores de 30 anos sen traballo en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como en calquera outra pertencente ao sector privado, radicadas en Galicia e que desenvolvan actividades no eido do I+D+i.
As achegas permiten financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos e oscilan entre os 22.405,92 e os 33.108,84 euros por persoa, cubrindo os custos laborais e salariais. Os contratos obxecto da subvención teñen que ter carácter indefinido e unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
Investigo prioriza como ocupacións para os traballadores mozos as relacionadas coa transición ecolóxica, a economía verde -enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria- e a dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science.
Con esta medida, a Xunta segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda.
Desde que en 2022 se convocou a iniciativa por vez primeira, mobilizáronse máis de 27 millóns de euros ao abeiro deste plan, conseguindo promover un total de 812 contratacións, incluídas as 152 deste ano. Cómpre destacar que arredor do 50 % das persoas participantes no programa continúan a traballar nas empresas contratantes.
A prol do emprego xuvenil
O programa Investigo enmárcase nas medidas da Xunta a prol do emprego xuvenil, entre as que se inclúe o novo programa de 1ª experiencia profesional que cun orzamento próximo aos 4,2 millóns de euros incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens coa previsión de incorporar entre 250 e 410 persoas en toda a comunidade.
Así, con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada estase a apoiar a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.
Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240905/AnuncioG0767-290824-0001_gl.html