Nova Starting Grant para un investigador da USC, dirixida a combater a resistencia a antibióticos

por Redacción Galicia

Ignacio Insua contará para o seu proxecto cun financiamento de máis de 1,5 millóns de euros para un período de cinco anos.

O investigador da Universidade de Santiago de Compostela Ignacio Insua vén de recibir unha das 494 prestixiosas axudas Starting Grant que o Consello Europeo de Investigación (ERC) concede a científicos de toda Europa. A súa investigación, que contará cun financiamento de máis de 1,5 millóns de euros en captación de fondos como investigador principal independente para un período de cinco anos, centrarase na resistencia bacteriana aos antibióticos.

O seu proxecto REPLICATE buscará desenvolver antibióticos auto-replicantes, é dicir, capaces de formar copias de si mesmos para amplificar a súa acción antimicrobiana. «Administrando moléculas precursoras totalmente inocuas, estas poden combinarse na membrana de bacterias patóxenas, activando así a súa auto-replicación e acción antimicrobiana localmente no foco infeccioso», explica o investigador da USC. 

Trátase, a de Ignacio Insua, dunha innovadora estratexia para loitar contra a resistencia a antibióticos, un serio problema mundial en auxe responsable de 1,8 millóns de mortes ao ano, con prognóstico de ser máis letal que o cancro para 2050. Para o investigador, a concesión desta axuda supón “un enorme impulso para o crecemento do meu laboratorio en persoal e equipamento, dando tamén visibilidade á nosa investigación no ámbito internacional como ciencia vangardista e rompedora.”

Licenciado en Farmacia pola USC e doutor en Química pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), Insua comezou a súa carreira científica posdoutoral en Australia para logo retornar á USC encadeando axudas altamente competitivas. Así, completou a súa formación posdoutoral no CiQUS da USC, primeiro como investigador Juan de la Cierva e logo como Marie Curie, e actualmente é investigador Ramón y Cajal adscrito ao Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. O seu proxecto ERC desenvolverao na USC xa que para el a institucióncompostelá ofrece “un excelente contexto de traballo neste campo fronteira entre a Química e a Bioloxía”.

Un proceso moi competitivo

Insua recibe así o apoio deste prestixioso programa que impulsa a investigación de vangarda, apostando por ideas rompedoras e apoiando a investigadores novos no inicio das súas carreiras.

O proceso de selección destas axudas é moi competitivo e selectivo. Neste caso, presentáronse 3.474 propostas, que foron avaliadas por un comité formado por persoal investigador de renome internacional. Tan só o 14,2% das propostas foron seleccionadas para recibir financiamento.

Sobre o ERC

O programa do Consello Europeo de Investigación, de carácter anual, proporciona financiamento atractivo de longo prazo para apoiar investigadores e investigadoras excelentes e os seus respectivos equipos. O programa persegue innovacións de alto risco e de alto beneficio en calquera campo de investigación, sendo la excelencia científica oúnico criterio de avaliación. Deste xeito, agárdase que a investigación financiada poloERC conduza a avances significativos nas fronteiras do coñecemento.

Existen tres esquemas de subvención ERC individuais (Starting, Consolidator eAdvanced Grants), un esquema de subvención para grupos (Synergy Grant) e outro(Proof of Concept) para explorar o potencial de comercialización ou social dos resultados obtidos no seno de proxectos ERC.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario