A cuarta campaña arqueolóxica está a revelar importante información sobre este xacemento complexo
A campaña arqueolóxica en Penas do Castelo, parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón) estase a desenvolver con importantes novidades. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, visitaron o xacemento esta mañá tras os novos achados desta semana, acompañados por Manuel Antonio Fernández, director territorial de Cultura, e o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Teddy López.
A presente campaña, a cuarta no xacemento, ten dous obxectivos: por unha banda, seguir a consolidar as partes máis expostas da muralla e por outra, escavar unha gran sondaxe no interior do xacemento. É precisamente esta sondaxe interior a que revelou esta semana importantes achados que afondan no coñecemento do sitio.
Pouca información se tiña das campañas previas alén da existencia dun xacemento complexo, de tipoloxía pouco común e cunha muralla monumental. Foi nos traballos da muralla onde se puideron realizar, na campaña de 2021, datacións por radiocarbono que resultaron en torno ao século IX antes da nosa era, é dicir, da época en que se empezan a construír os primeiros castros.
Na campaña actual, ampliouse unha pequena sondaxe previa no interior do xacemento na que aparecera un nivel de derrubo de pallabarro, onde agora comeza a agromar nova información.
Ao ampliar a sondaxe, dito nivel de pallabarro derrubado esténdese notablemente. Ao comezar a retirar ese nivel é cando aparece unha boa cantidade de fragmentos cerámicos nun moi bo estado de conservación.
Trátase de cando menos dous cacharros cerámicos practicamente completos e outra gran cantidade de fragmentos por determinar. Ademais, nun dos cacharros aparecen grans de cereal por determinar e restos concrecionados nas paredes interiores do mesmo.
Os restos de sementes atopados, así como as concrecións e numerosos carbóns serán estudados e analizados en laboratorio, podendo fornecer datacións para este momento de uso do xacemento. Os fragmentos cerámicos serán tratados pola restauradora Alba Losada, quen intentará reconstruír as pezas e a partir de aí, poder coñecer a súa tipoloxía e cronoloxía.
‘Estes achados son fundamentais para entender mellor o xacemento,’ sinalan do equipo arqueolóxico. ‘O que nos contan por agora é que no lugar debeu haber un lume que fixo colapsar as paredes de pallabarro, tal como indica a cor calcinada e os numerosos carbóns atopados. Esta parede cae sobre o que había no interior desta edificación, deixándoo selado e nun grande estado de conservación; polo de agora atopamos estes recipientes cerámicos. Habemos agardar para ter máis información.’
Ao longo da próxima semana os traballos continuarán, retirando o nivel de pallabarro polo que é posible que se produzan novos achados neste contexto arqueolóxico selado e cun excelente estado de conservación. A escavación pódese visitar polo público xeral en horario de mañá, confirmando visita no teléfono 622952078.
A campaña arqueolóxica está financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comenta a importancia deste tipo de proxectos de investigación para coñecer mellor o pasado da provincia e sobre todo, que se fagan cun carácter comunitario como é o caso de Penas do Castelo.
O proxecto de Penas do Castelo integra á Dirección Xeral de Patrimonio, o Concello da Pobra do Brollón, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo.
Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, incide neste trazo comunitario ademais da consolidación de Penas do Castelo como recurso turístico, que ademais se inclúe no circuíto de visitas guiadas postas en marcha polo Concello.