A cidade acollerá a terceira edición de Camiña Coruña o 28 de setembro

por 21 Noticias

As inscricións xa están abertas e este ano amplíase o número de participantes ata as 700 persoas

O vindeiro 28 de setembro celebrarase a terceira edición de Camiña Coruña, unha andaina non competitiva que explorará os diferentes espazos emblemáticos da cidade. O Goberno de Inés Rey colabora coa Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI) na organización desta proba, na que o ano pasado participaron máis de 500 persoas participantes.

A competición comezará ás 9.00 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor. Haberá tres modalidades diferentes: 16, 28 e 50 quilómetros. O obxectivo é que a proba se adapta a todo tipo de participantes, sexa cal sexa a súa condición física. O evento debe completarse en menos de 12 horas.

Este ano, debido ao éxito de participación da pasada edición, ampliouse a inscrición ata as 700 persoas. Ademais, para facer máis atractiva a proba para os nenos e nenas, na distancia de 16 quilómetros incluirase unha proba de geocaching, que consiste na busca e resolución de acertixos escondidos polo percorrido con información de interese da cidade.

A inscrición xa está aberta e pode levarse a cabo na páxina web Rock The Sport. Organizado polo Concello e a AMI, Camiña Coruña busca promover o montañismo e o deporte ao aire libre. O evento busca tamén o respecto ao medio e á comunidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario