Declárome mitómana. Absolutamente visceral nas miñas paixóns, tanto que ás veces raian no obsesivo, capaz de devorar todo canto atañe ao branco do meu desexo. Son devota cinéfila, de butaca a soas e salas pouco concorridas, sen refrescos nin flocos de millo, sen máis compañía que a de saberme a salvo de todo por un par de horas, nunha soidade elixida e desfrutada. Diante de min, «El Método» naquel ano xa lonxano da súa estrea onde sete aspirantes competían por un posto de traballo en base a un coñecido método no que hai que superar varias probas grupais. Aí, nese rol competitivo, estaba Nieves. Ou Najwa Nimri, quen para sempre se instalou xa no meu universo onírico, e que onte era novamente actualidade por ser a convidada de «La Revuelta», ese programa chamado a desbancar a Pablo Motos e que na súa segunda entrega, conseguía varrer a «El Hormiguero».
E non me sorprende, porque é difícil non deixarse engaiolar pola súa voz susurrante e unha carreira de títulos onde Julio Medem destaca con películas que xa son historia do cine español, e tamén con Amenábar ou Daniel Calparsoro. Pero eu, obsesivamente, volvo sempre a «El Método». A ese final de decepción e derrota que encarna dándonos as costas mentres camiña entre o caos ca cabeza baixa. Todas, nalgún momento das nosas vidas, fomos Nieves e cargamos ó lombo ca nosa equipaxe. Nun final que, como cantaba Sabina nalgunha das súas cancións, son sempre o mesmo repetido. O único irrepetible es ti, Nawja.