O PP subliña que “o goberno bipartito non está preparado para a xestión dun Concello coma Burela á vista das numerosas chapuzas nas obras deste verán”

por Redacción Lugo

A estas “chapuzas na execución das obras e constantes rectificacións”, hai que engadir “irregularidades” coma a ausencia de carteis con información nas obras do parque Rosalía de Castro e nas instalacións deportivas da Marosa onde os populares agardan que “non haxa segundas partes”.

“O goberno local encabezado pola señora López Moreno non para de darse de bruces coa realidade” demostrando que “non está preparado para a xestión do día a día dun Concello coma Burela”, segundo consideran dende o PP de Burela.

Os populares remítense a numerosas “probas ao longo deste verán, por non dicir de todo este mandato” en relación ás obras executadas polo goberno local. “Un exemplo é o caso das obras na rúa Lamestra, a carón do parque de Rosalía. Houbo que rectificar as pendentes de entrada e saída do adoquinado da zona semipeonil, pola que está previsto que circulen tamén os vehículos, debido a quedaban cos seus baixos no novo firme”, explican.

Outro exemplo de que o goberno bipartito non supervisa como é debido as obras que están a realizar; é unha nova rectificación. Nesta ocasión, nas sendas peonís da avenida Arcadio Pardiñas recollidas no plan de mobilidade para aplicar un novo produto co que “corrixir o estado esvaradío do firme que provocaba as caídas dos veciños e veciñas”.

Os populares afean neste caso a “premura” da alcaldesa á hora de executar esta obra apenas 24 horas despois de consultar cos veciños e veciñas. “Tendo en conta que este goberno local non se caracteriza pola súa celeridade na execución de obras, todo parece indicar que se trataba dun paripé para facer ver que lle importa a opinión dos bureleses”.

Ademais destas “auténticas chapuzas na execución das obras e constantes rectificacións”, atopámonos coas “irregularidades xa habituais por parte do goberno da señora López Moreno”. Tal e como indica a normativa vixente, “é obrigatorio colocar un cartel de obra no que figure, cando menos, o orzamento, a empresa adxudicataria e o técnico que a subscribe; algo que non existe nas obras que están en execución agora mesmo tanto no parque de Rosalía de Castro coma nas instalacións deportivas da Marosa”.

Á vista das chapuzas nas obras xa rematadas, os populares agardan que “nestas últimas non se repita o mesmo resultado” e teñamos que ver “segundas partes”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario