Ángeles Vázquez explicou que o Goberno galego recompila e avalía todos os informes sectoriais e a información necesaria para garantir que as iniciativas cumpren coa lexislación, tal e como está a acontecer no caso do proxecto de Altri.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, expuxo en Bruxelas o modelo de tramitación de proxectos estratéxicos da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo garantir un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente.
Durante unha reunión co director de Biodiversidade da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Humberto Delgado, no marco da súa viaxe institucional para abordar a situación do sector eólico en Galicia, a conselleira explicou que todos os proxectos empresariais que se presentan ante a Xunta son sometidos a unha tramitación ambiental totalmente garantista.
Neste sentido, lembrou que se recompilan e avalían todos os informes sectoriais e a información necesaria para garantir que cumpre coa lexislación, tal e como está a acontecer no caso da iniciativa industrial que Altri pretende implantar na provincia de Lugo. De feito, a modo de exemplo do “control exhaustivo” que leva a cabo o Goberno galego, a conselleira trasladou ao alto cargo comunitario os resultados dos informes elaborados por distintos departamentos autonómicos.
Nesa liña, logo de subliñar que todos os procedementos son sometidos ao correspondente procedemento de consulta pública, Ángeles Vázquez informou a Humberto Delgado de que o Goberno galego está a traballar na Lei de administración ambiental simplificada co obxectivo de introducir unha maior claridade e certeza no ordenamento xurídico ambiental de Galicia, reforzando a seguridade xurídica dos promotores e das administracións públicas que teñen que aplicar o referido marco legal.
Esta nova lei, ademais de asegurar o imprescindible equilibrio entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural, pretende unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptala á normativa europea. Nese senso, no encontro entre a representante autonómica e o alto cargo comunitario fíxose fincapé en que a directiva europea avoga por evitar que as consultas necesarias para tramitar cada autorización se alonguen demasiado no tempo. Así, o Goberno galego pretende que a nova normativa permita acelerar o desenvolvemento e a implantación de enerxías renovables co máximo respecto á protección medioambiental.
A maiores, no que atinxe á cuestión prexudicial trasladada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na que se pon en dúbida que a lei estatal que aplica a Xunta sexa conforme coa normativa comunitaria, Humberto Delgado informou á conselleira de que a Dirección Xeral de Biodiversidade, a petición da Comisión Europea, está a elaborar un informe no que recollerá a súa postura.
Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que, ao contrario do que acontece a nivel estatal, en Galicia están prohibidos os parques eólicos en Rede Natura. De feito, non se poden autorizar parques nin neses espazos protexidos nin fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) contempladas no plan sectorial de Galicia, polo que este tipo de proxectos non se poden instalar no 77,5% do territorio galego.
Por outra banda, a conselleira tamén se reuniu co director de Transición verde e integración do sistema enerxético da Dirección Xeral de Enerxía da CE, Lukasz Kolinski, quen lle trasladou que as enerxías renovables seguirán no centro da axenda política de Europa e puxo en valor o compromiso de Galicia co seu desenvolvemento para asegurar o abastecemento enerxético e coadxuvar á descarbonización.
Para concluír, a conselleira agradeceu o aval da Comisión Europea á tramitación que leva a cabo o Goberno galego de proxectos industriais como, por exemplo, o presentado por Altri para Palas de Rei.