Os sete votos de PSOE serven para rexeitar a moción do BNG para protexer o Pazo dos Serrano fronte á especulación inmobiliaria
O PSOE de Culleredo, a pesar da ausencia do alcalde, opúxose cos seus sete votos á moción do BNG que procuraba protexer o Pazo dos Serrano, en Vilaboa, fronte ao Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que tramita o Concello a iniciativa de Aliseda, inmobiliaria propiedade da multinacional Blackstone e do Banco Santander, no Pleno Municipal celebrado o 12 de setembro. A abstención cómplice do Partido Popular permitirá ao goberno municipal do PSOE continuar co seu plan para urbanizar os terreos en lugar de ser destinados a un parque público, tal e como se tiña acordado coa aprobación inicial do novo PXOM en 2013.
Os cinco votos de BNG e Alternativa dos Veciños non foron abondos para sacar adiante a proposta, que incluía a emenda deste último grupo, para engadir os preceptivos informes de viabilidade xurídica, aceptada polo grupo nacionalista. Unha vez máis, o Partido Popular de Culleredo reitera o seu apoio ao goberno de José Ramón Riobóo, e evidencia as consecuencias que o seu pacto encuberto ten para a veciñanza de Culleredo.
O Partido Popular permite así ao goberno municipal continuar avanzando co Plan Especial de Reforma Interior (PERI) das Unidades de Actuación 58 e 59, en Vilaboa, nas que se integra o Pazo dos Serrano, que a Xunta de Goberno Local, conformada unicamente polo equipo de goberno, aprobou inicialmente o 11 de decembro de 2023. O PERI elimina a maior parte do conxunto do Pazo para ser ocupada con edificacións que desfiguran a tipoloxía das edificacións existentes, alterando gravemente o conxunto histórico que conforma o núcleo do Souto. O PERI aprobado inicialmente contradí o proxecto de PXOM aprobado inicialmente por acordo plenario no ano 2013, o cal prevé a protección do conxunto do Pazo dos Serrano e o seu destino ao Sistema Xeral de Equipamentos públicos.
Non son estas apreciacións propias nin únicas deste Grupo Municipal ou da veciñanza sensibilizada coa protección do patrimonio, mais tamén veñen recollidas a través de diferentes referencias legais que implican a protección deste conxunto, tales como a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galiza, a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, ou o Decreto 110/2014, de delimitación do Camiño de Santiago Inglés.
O Pazo dos Serrano, como é coñecido popularmente pola veciñanza de Vilaboa, ou Villa Celina, é un conxunto patrimonial que conforma o eixo central do Souto, un dos núcleos históricos da parroquia de Rutis. Un conxunto perfectamente delimitado e indivisíbel que integra un edificio residencial, unha capela e incluso unha árbore senlleira, así catalogada pola Xunta. “Todo o conxunto representa un patrimonio que debe ser protexido e posto en valor, non só pola súa propia singularidade, máis tamén pola parte integral que supón do núcleo poboacional do que forma parte, cunhas características únicas no noso concello”.