A instalación segue un deseño de integración paisaxística, reducindo o seu impacto visual na contorna.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Vilasantar, Fernando Pérez, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para cofinanciar as obras de construción dun punto limpo fixo no municipio.
A achega económica da Deputación será de 81.840 euros, o que supón o 21 % do orzamento total das obras, que ascenden a 381.755 euros.
O punto limpo é unha instalación de almacenamento de residuos que se construirá na parcela rural establecida polo Concello de Vilasantar, deixando un amplo espazo perimetral que se conservará no seu estado natural, minimizando o impacto do punto limpo. A parcela linda ao norte cun pequeno cemiterio municipal e con outras parcelas sen edificar.
As obras inclúen a construción dunha caseta de recuperación para a que se prevé o mínimo impacto coa contorna, xa que se empregarán criterios de bioconstrución e primaranse os materiais naturais. Neste espazo poderanse reparar os obxectos depositados na propia instalación, dándolle un segundo uso naqueles casos nos que sexa posible.
O centro disporá, ademais, de aseos e vestiarios para as persoas traballadoras.
Con respecto á superficie de plataformas necesarias, será a mínima imprescindible, deixando a maior parte do terreo no seu estado natural.
A instalación, ademais, segue un deseño de integración paisaxística, creando zonas verdes na contorna para darlle o uso de parque público e de colchón vexetal, reducindo o impacto visual.