O PP de Monforte asegura que cunha correcta planificación da obra da piscina podería permitirse o nado

por Redacción Lugo

Katy Varela recorda que a piscina municipal é un servizo fundamental para os monfortinos xa que é empregada tanto por persoas de todas as idades para realizar exercicio, como por deportistas do club de natación do municipio

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte fanse eco das queixas dos usuarios da piscina que ven como non poderán acceder a este servizo durante un ano, aproximadamente, como consecuencia das obras de reforma que se van a realizar.

O concelleiro popular, José Luis Rodrígez, afirma que “estamos ante outro exemplo da nula planificación” dos traballos por parte de José Tomé. Neste senso, incide en que, segundo a previsión do equipo de goberno, o peche desta instalación producirase dende outubro a maio do ano que vén, nos meses de outono e inverno, datas nas que se rexistran as cifras de maior afluencia. “Queremos saber por que os traballos non se planificaron, por exemplo, de abril a outubro, datas nas que o número de usuarios descende notablemente”, explicou.

Segundo a información á que puideron acceder os concelleiros populares, parte dos traballos de reforma poderían realizarse coa piscina aberta ao público, xa que non habería que realizar obra algunha no vaso da piscina “evitando así o peche da instalación e os inconvintes que se provocan aos monfortinos”.

Pola súa banda, a voceira popular, Katy Varela, recorda que a piscina municipal é un servizo fundamental para os monfortinos xa que é empregada tanto por persoas de todas as idades para realizar exercicio, como por deportistas do club de natación do municipio. “Vemos como en xeral toda a cidadanía se verá afectada por esta mala planificación das obras de reforma”, insistiu.

Katy Varela tamén pide ao goberno local que aproveite estes meses nos que a piscina estará pechada ao público para preparar unha licitación axeitada para que Monforte conte cunha empresa que saiba sacar todo o potencial dunha instalación coma esta “para evitar o que sucedeu ata agora, que diferentes empresas realizaron a xestión sen poder explotar todo o seu potencial”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario