Unhas 200 persoas acudiron á concentración convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Trabada

por 21 Noticias

Para demandar a cobertura de xeito estable da totalidade de médicos.

Trabada ten que ter 2 médicos sempre, pois a súa poboación maioritariamente por riba dos 65 anos, moi dispersa xeográficamente precisa unha atención sanitaria de calidade, próxima, digna e non suxeita únicamente a criterios numéricos.
Nesta localidade tamén hai unha residencia con 39 persoas que precisan de atención sanitaria todos os días

.

Comunicado lido na contracción

CONCENTRACIÓN TRABADA

Bo día . Moitas grazas por achegarvos ata aquí.

Concentrámonos hoxe aquí, diante do centro de saúde de Trabada porque a situación que desde hai case un ano sufrimos as persoas de Trabada é moi grave, sentíndonos abandonadas e abandonados por quen ten que xestionar unha sanidade pública  dotándoa do persoal sanitario necesario durante todos os días do ano.

 Na comarca da Mariña, cunha poboación de máis de setenta mil habitantes, o   desmantelamento  da sanidade pública está a producir un dano irreparable, pois os territorios rurais, cunha poboación moi envellecida e dispersa son os máis sensibles e os máis perxudicados por esta estratexia  política destrutora que o Partido Popular está a aplicar, sen ter en conta as necesidades das persoas. O goberno da Xunta de Galicia está a destinar millóns de euros aos concertos coa sanidade privada mentres a sanidade pública é desmantelada a marchas forzadas. Cartos para a privada que quitan do que deberan ser orzamentos para a sanidade pública, mermando a calidade asistencial  dos nosos centros sanitarios, ao non contar cos profesionais que son necesarios.

A xubilación no ano 2023 dun dos facultativos de Trabada non foi substituída en ningún momento por parte do SERGAS, co que durante todo este tempo un só médico dos dous que constitúen a súa plantilla tivo que asumir a totalidade da carga de traballo do centro de saúde. Trabada  é un concello moi extenso , cunha poboación moi avellentada , moi disperso e cunha distancia entre núcleos poboacionais bastante grande. Por istes motivos a súa poboación, con gran porcentaxe de maiores de 65 anos , é altamente demandante de atención médica e  de coidados de enfermería, con  moitos casos de atención domiciliaria nos que hai que invertir moito tempo. É por eso que malia que a poboación é de 1100 habitantes, faise absolutamente imprescindible contar cos dous facultativos  todos os días e a tempo completo.

Trabada conta tamén cunha residencia de maiores de 39 prazas  da que se debe ocupar o persoal médico e de enfermería do centro de saúde , polo que a carga de traballo  aumenta significativamente e non pode en ningún momento quedar o centro de saúde sen o seu persoal sen substituir, sendo imprescindibles os dous médicos e a enfermeira todos os días e durante todo o turno.

A ausencia do único médico que hai actualmente durante o mes de agosto produciu numerosas situacións deficitarias, xa que foi substituído únicamente durante dous días á semana e durante unhas horas cada día. Nalgunha ocasión durante este mes, á ausencia total de médicos que xa se viña dando varios días á semana, sumouse a ausencia da enfermeira, quedando o centro sen persoal sanitario e obrigando a  unha enfermeira do centro de saúde de Ribadeo a desprazarse ata Trabada  para paliar a situación.

As veciñas e veciños de Trabada esiximos ao SERGAS e ao Goberno da Xunta que asuma a súa responsabilidade e os compromisos que está a publicitar día si e día tamén nos medios de comunicación en grandes publirreportaxes que logo quedan neso, en meras palabras , porque o papel soporta todo

Hoxe , desde o Centro de Saúde de Trabada queremos decirlles a quen xestiona a sanidade que non imos parar de loitar por unha sanidade pública de calidade, esiximos que se cubran todas as prazas de médicos todos os días. O Partido Popular leva gobernando 15 anos, sabía que está situación iba a producirse e non fixo absolutamente nada para solucionala. Trabada esixe que a nosa poboación, rural e moi dispersa , teña acceso aos servizos sanitarios públicos de igual xeito que se vivira nunha capital.

A LOITA CONTINÚA. AQUÍ. AGORA. SEMPRE

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario