O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe xunto ao secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), Juan José Martín, a primeira reunión da comisión mixta cos letrados da Administración de Xustiza co obxectivo de poñer en marcha este órgano de comunicación, coordinación e colaboración co que se pretende garantir a mellor xestión dos medios persoais e materiais do colectivo.
No encontro tamén participou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e por parte dos letrados da Administración de Xustiza e, por parte dos letrados de Administración de Xustiza, os secretarios e secretarias coordinadores provinciais, así como a letrada de administración de Xustiza do Xulgado do Social número 4 da Coruña, Rosana Corral, e o letrado no Xulgado de Menores de Ourense, Benigno Estévez.
Materialízase así a vontade expresada polo Goberno galego e representantes dos letrados nunha xuntanza celebrada a comezos de 2023, na que acordaran a creación dun grupo de traballo mixto e completo para abordar o funcionamento, estrutura e persoal ao servizo da Administración de Xustiza, ademais dos cambios normativos que impliquen modificacións nas oficinas xudiciais, cuestións tecnolóxicas e outros asuntos que requiran a unificación de criterios de actuación. Tras esta primeira toma de contacto, o pasado maio publicábase no Boletín Oficial do Estado o convenio entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza para crear este organismo.
Deste xeito, a nova comisión mixta terá entre as súas funcións coñecer a planificación e actuacións do persoal ao servizo da administración de Xustiza que garden relación co exercicio dos letrados, así como as aplicacións e tecnoloxías que se implanten nos órganos e servizos nos que desenvolvan o seu labor. Tamén abordará cuestións formativas, de dotación de recursos materiais e de impulso, no suposto de aprobarse a Lei de eficiencia organizativa (LEO), á nova estrutura xudicial.
A presidencia do órgano será compartida polo titular da Consellería competente na materia e polo secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Estará integrado polo director xeral de Xustiza e o persoal autonómico preciso para manter a paridade, e, por parte dos letrados, polos secretarios coordinadores provinciais e dous letrados designados polo secretario de Goberno. O acordo polo que se creou esta comisión ten unha vixencia de catro anos e, tal e como se reafirmou hoxe, prevé xuntanzas ordinarias semestrais.
A creación da comisión mixta cos letrados da Administración de Xustiza enmárcase na aposta da Xunta por potenciar o diálogo e a cooperación no eido da xustiza, tanto co Estado como cos distintos profesionais. Nesta liña trabállase xa a través da comisión mixta de Xustiza co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da comisión mixta da Fiscalía.
A Xunta pon en valor o papel dos 280 profesionais que exercen como letrados xudiciais na comunidade con funcións procesuais ditando decretos e dilixencias de ordenación nos distintos procedementos, ademais de ordenar a actividade do no persoal integrante da oficina xudicial.