Miñones urxe á Xunta a actuar logo de “dúas emendas á totalidade” dende a valedora e o consello de contas pola súa xestión da politica sanitaria

por Redacción Galicia

José Manuel Miñones reclama un incremento significativo nos orzamentos de 2025 e “medidas urxentes e accións concretas” para mellorar as condicións dos MIR e dos profesionais sanitarios.

O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Manuel Miñones, esixiulle hoxe ao goberno galego unha actuación urxente logo das “dúas emendas á totalidade consecutivas á súa xestión da sanidade pública” que vén de recibir cos informes da Valedora do Pobo e do Consello de Contas. Os informes constatan, dixo, “o que están a sufrir cada día milleiros de galegos e galegas” polo desleixo da Xunta.

O responsable socialista advirte que a sanidade é o principal motivo de queixa dos galegos e das galegas no último informe da Valedora do Pobo, no que o 22 por cento das queixas derivan da mala atención sanitaria. Isto supón, dixo, un “novo e triste récord negativo para a Consellería de Sanidade e o presidente da Xunta”, que están a facer caso omiso das peticións dos profesionais sanitarios e da cidadanía galega e amosarse “desconectados da realidade”.

Este é o segundo informe consecutivo que prende a luz de alarma sobre a situación da sanidade galega, logo de que o Tribunal de Contas lle fixera unha “emenda á totalidade da xestión da Xunta en materia sanitaria”. Alerta de que o goberno galego leve xa 4 meses co informe de Contas enriba da Mesa sen que teñan ofrecido “nin explicacións, nin responsabilidades nin tampouco solucións”.

Miñones advirte que a pesares das evidencias de contratacións irregulares, falta de transparencia e maquillaxe nas contas, os responsables da Xunta “miran para outro lado” mentres “continúan a externalizar contratacións sen os procedementos axeitados”.

Critica o “incomprensible o triunfalismo” amosado polo goberno galego, “á marxe de toda evidencia”, e reclamoulle ao goberno galego que incremente de forma significativa o Orzamento para a Sanidade Pública en 2025 para superar a “deficiente situación” que veñen de denunciar tanto a Valedora do Pobo como o Consello de Contas. 

O responsable socialista reclamou “medidas urxentes e accións concretas” partindo dun maior peso nos Orzamentos do próximo ano que permitan “cubrir as necesidades do sistema público” e que Galicia “salga do vagón de cola do investimento per cápita” en materia sanitaria para “pasar a ser un referente das políticas públicas de calidade”.

MIR

Lembrou as 5 medidas propostas polos socialistas galegos antes do verán para mellorar a situación sanitaria, así como na necesidade de incrementar as retribucións dos MIR, incrementar os titores para aumentar o número de prazas en formación e convocar a totalidade das prazas certificadas polo Ministerio. Esixiu o incremento nas retribucións mensuais destes profesionais por riba da media nacional “para que Galicia deixe de ser a Comunidade Autónoma que peor paga ao MIR”.

Reclamoulle ao goberno galego que “abandonen as falsidades e malintencionadas interpretacións” para acusar aos socialistas da situación dos médicos residentes e reclamou que “se tanto lles preocupan os MIR, deixen de congratulalos con palabras e paguen o que merecen cobrar”.

Advertiu que o Plan de choque que a Xunta improvisou a última hora para os meses de verán, deixando a cobertura á vontade dos profesionais sanitarios, “lonxe de ser un éxito, é unha clara evidencia da falta de planificación daqueles que levan xestionando mal a sanidade galega durante os últimos 15 anos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario