O PP pide ao Goberno de Sánchez que aclare se comparte ou non a opinión do PSdeG e da vicepresidenta de Sumar sobre o proxecto de Altri

por Redacción Nacional

Piden ao Goberno que explique se apoia ou rexeita a creación de emprego e o asentamento da poboación «ante as dúbidas sementadas polo secretario xeral do PSdeG-PSOE sen ampararse en informes técnicos»

Os senadores do PP lucense (José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano) piden a Pedro Sánchez concretar se comparte ou non a mesma opinión que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e a súa vicepresidenta no Goberno central (Sumar), Yolanda Díaz, en relación á planta de biofibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. 

Pedro Sánchez comprometera en xullo do 2020 nunha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fondos europeos para o proxecto de Altri. Pero, recentemente, o secretario xeral dos socialistas galegos puxo en dúbida que cumpra os parámetros para acceder a fondos europeos “sen agardar aos informes dos técnicos”.

Os representantes da provincia polo Partido Popular na Cámara Alta veñen de rexistrar sendas preguntas para que “o Executivo estatal aclare aos lucenses, fronte ás dúbidas que sementan os socialistas galegos, cal é a súa postura en relación a un dos proxectos industriais máis importantes nos últimos anos para o desenvolvemento industrial de Galicia e da provincia de Lugo e, polo tanto, se apoia ou rexeita a creación de emprego e o asentamento de poboación no noso territorio”.

Barreiro considera que “o desenvolvemento industrial e o respecto ao medio ambiente son compatibles”. De feito, “o proxecto está a ser sometido a unha tramitación que garanta o cumprimento de toda a normativa, tamén a normativa medioambiental”. Nese sentido, “a propia Comisión Europea respondeu ao BNG que non apreciaba ningunha infracción ás directivas sobre emisións e impacto ambiental”.

Os populares temen que “socialistas e nacionalistas se opoñan non só a este proxecto en concreto, senón a calquera outro que xere oportunidades no noso territorio”.

A vicepresidenta segunda do Goberno xa manifestara o pasado mes de agosto a súa total oposición á planta proxectada en Palas de Rei. “Non é serio que a Ministra de Traballo rexeite a creación de emprego na nosa comunidade porque iso é estar en contra de Galicia”, subliñou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario