O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, avanzou esta medida hoxe á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, no encontro mantido en Santiago onde indicou que a partir do 1 de xaneiro terá a habilitación legal necesaria para aplicar a taxa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e a concelleira de Turismo, Mriam Louzao, onde lle avanzou a postura da Xunta de Galicia en relación á petición do goberno municipal para a instauración dunha taxa turística na cidade. Como avanzou Xosé Merelles, o Goberno autonómico está traballando nunha proposta normativa que regulará o marco no que os concellos que así o consideren poidan xestionar este tributo. Unha normativa, dixo, que terá que debater e aprobar o Parlamento de Galicia coa intención de que a partir do 1 de xaneiro o Concello de Santiago poida ter a habilitación legal necesaria para aplicar a taxa.
“O Goberno autonómico non se opón á implantación da taxa na cidade de Santiago sempre e cando resolva os problemas que o Concello asegura ter por mor da actividade turística”, explicou Xosé Merelles. Neste sentido, indicou que a normativa autonómica fixará tres aspectos clave de cara á súa implantación: a taxa non será aplicable de xeito xeral a toda a comunidade galega, senón que a implantarán os concellos que así o estimen voluntariamente, que, ademais, deberán xestionar, recadar e inspeccionar este imposto directamente.
Ademais, a taxa turística deberá estar claramente condicionada a fins de sustentabilidade turística e resultará imprescindible a consulta cos sectores afectados, especialmente os que representan o tecido turístico da cidade e que se consensúe con el os fins que se recaden.
Xosé Merelles reiterou que o Concello de Santiago de Compostela foi o único que solicitou a implantación deste imposto. “Non estamos aprobando unha taxa turística para toda a Comunidade galega, porque a realidade turística actual non indica que sexa preciso. O que facemos con este marco legal é, dentro das nosas competencias, dar as ferramentas aos concellos que queiran instaurar este tributo no seu termo municipal e se responsabilicen da súa xestión e funcionamento”, explicou.
O director de Turismo de Galicia apelou á “responsabilidade e reflexión” sobre a implantación desta medida “e que non se lance a mensaxe equivocada de se hai demasiados visitantes nun destino. Non é o caso de Galicia”, sentenciou.