A Universidade da Coruña conta cunha ampla oferta para maiores de 50 anos nos Campus da Coruña e Ferrol
A Universidade da Coruña acolle estes días as XXII Xornadas Internacionais de Asociacionismo Sénior, organizadas pola asociación Adayeus, formada por alumnos e antigos alumnos da Universidade Sénior da UDC.
O programa formativo para persoas maiores de 50 anos supón unha prioridade para a UDC, en liña coas políticas europeas de envellecemento activo e formación continuada ao longo de toda a vida. Así, ofrece formación impartida nos campus da Coruña e Ferrol, a través de diferentes formatos. Por unha banda, o título de Graduado Sénior obtense tras completar catro cursos académicos, a razón de tres materias por curso. A UDC conta tamén con formación específica de posgrao, dun curso de duración, para aquelas persoas xa graduadas, así como actividades complementarias, tales como talleres, seminarios, conferencias ou intercambios de duración diversa.
Outra das accións formativas que destacan é o Proxecto de Demotcratización do Coñecemento, organizadas en diversos concellos da provincia da Coruña que pretenden facilitar o acceso á formación universitaria a persoas que viven máis lonxe dos núcleos urbanos.
En total, a UDC conta con máis de 1.000 persoas matriculadas na formación de grao e posgrao, e ao redor de 600 no Proxecto de Democratización de Coñecemento, ao que habería que engadir os participantes nas actividades complementarias. Un éxito de participación cunha demanda en contante crecemento, o que impulsou que este ano se puxese en marcha unha nova proposta para aquelas persoas que quedaron en lista de agarda no presente curso.
Se nos fixamos no perfil de estudantado, este foi variando ao longo dos anos. Se ben antes a maioría das persoas pretendían acceder a unha formación que non puideron recibir durante a súa vida laboral, agora atopamos xeracións recentemente xubiladas e cunha maior formación, o cal supón tamén unha maior esixencia e motivación.
Sen dúbida, a UDC ten o reto de seguir traballando para poder adaptar a súa oferta formativa a esta nova demanda do alumnado. Un desafío que demostra que a Universidade Sénior ten aínda moita capacidade de desenvolvemento e que é unha aposte de futuro.