Cursan os seus estudos de grao na Universidade da Coruña (UDC), na Universidade de Vigo (UVigo), na Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Universidad de León, na Universidad de Salamanca (USAL), na Universidad Rey Juan Carlos (URJC) e na Universitat Autòmoma de Barcelona (UAB).
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, e a concelleira de Igualdade, Muller, Familia, Infancia e Multiculturalidade, Elvira Miramontes, inauguraron, este venres, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a primeira edición do Atlantic Moot Court (AMC), a simulación dun caso da Corte Internacional de Xustiza, o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), na que participan preto de 60 estudantes de grao de distintos puntos de España.
Na súa intervención, Ana Ares quixo agradecerlle ao coordinador do grao en Relacións Internacionais, Jorge Quindimil, todo o traballo que realiza a prol desta titulación interuniversitaria ao tempo que resaltou “o acerto” que supuxo de terlle proposto ao estudantado pór en marcha esta simulación da Corte Internacional de Xustiza. Tamén se dirixiu ás cinco alumnas que integran o Comité Organizador, Belén Míguez, Irene Rodiles, Laura Yáñez, María Falcón e Eva Maseda, a quen felicitou por ter aceptado este reto e por “saír da súa zona de confort”.
Pola súa banda, Martina Aneiros, reafirmou o apoio da Xunta de Galicia a este tipo de eventos que forman parte da aposta do executivo galego “por unha formación de calidade que dea saída a profesionais óptimos e óptimas nas súas áreas”. Do mesmo xeito, Elvira Miramontes trasladou o “orgullo” do Concello de Ferrol logo da posta en marcha desta iniciativa, salientando que “a educación, o debate e a participación son parte da construción dunha cidade máis preparada, máis xusta e máis dialogante”.
Ao remate do acto de inauguración, deu comezo a conferencia “Desorde mundial e convulsións xeopolíticas en Oriente Medio”, impartida polo codirector do Instituto sobre Conflitos e Acción Humanitaria (iecah), Jesús A. Núñez Villaverde. Este relatorio foi organizado no marco dos Seminarios de Formación de Internacionalistas do grao el Relacións Internacionais que financia o Campus Industrial de Ferrol e, en colaboración, coa Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG), nada na Facultade de Humanidades e Documentación.
Abordarán cuestións vinculadas ao Dereito Internacional Humanitario e aos conflitos armados
Xa pola tarde, a partires das 15:30 horas, divididos en 6 equipos, os preto de 60 mozos e mozas inscritos nesta primeira edición do Atlantic MootCourt, simularán un caso no que se abordarán cuestións vinculadas ao Dereito Internacional Humanitario e aos conflitos armados. Participa alumnado da Universidade da Coruña (UDC), da Universidade de Vigo (UVigo), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Universidad de León, da Universidad de Salamanca (USAL), da Universidad Rey Juan Carlos (URJC) e da Universitat Autòmoma de Barcelona (UAB).
A Facultade de Humanidades e Documentación será o lugar elixido para realizar esta simulación de caso na que exercerán como xuíces e xuízas, o profesor da Universidad de Salamanca (USAL), Juan Manuel Bautista Jiménez; a profesora da Universidad de Alcalá (UAH), Laura Esperanza Aragonés Molina; así como as profesoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Isabel Lirola Delgado e Carmen Montero Ferrer.
O Atlantic Moot Court (AMC) está organizado pola Universidade da Coruña (UDC), a través do Campus Industrial de Ferrol e da Facultade de Humanidades e Documentación, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, co Concello de Ferrol e máis con KNM Abogados, Cafetería Kalua e Rodríguez Trujillo Abogados.