O coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG, o filólogo Vicente Feijoo, impartirá unha charla sobre o uso de Galicia Nomeada. A veciñanza pode participar con esta aplicación na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes camiños e outros microtopónimos.
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra despide setembro no concello pontevedrés de Barro. O público aprenderá na sesión que terá lugar o venres 27 no salón de plenos da Casa do Concello, a partir das 20:00 horas, como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á veciñanza participar na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentará a charla, a cargo deVicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia, que organiza esta campaña coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
O principal obxectivo das charlas Toponimízate é involucrar novos colaboradores que se sumen á plataforma Galicia Nomeada. Dela xa forman parte máis de 3700 usuarios que, desde finais de 2019, recuperaron case 82.000 topónimos, só 54 no concello de Barro. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Barro non foi obxecto do traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia cando este estivo activo entre 2000 e 2011.
O público tamén coñecerá a orixe e significado dos nomes das parroquias de Barrograzas á investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os diferentes nomes que se tratarán salienta o da freguesía de Perdecanai, documentado nos textos antigos como Pera da Canay e Parada Canay, e cunha orixe escura, posiblemente relacionada cos nomes de dúas das súas aldeas, Paradae Canai, este último talvez antrotopónimo.