Axentes do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Policía Autonómica comisaron máis de 28 quilos de ameixa e diverso material usado para o furtivismo, no marco dun operativo desenvolvido o 18 de setembro na zona de Ferrol en colaboración co servizo de Gardacostas de Galicia.
Como resultado, tramitáronse sete actas de sanción pola Lei de Pesca de Galicia.
O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica, en colaboración coa Consellería do Mar, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados por esta actividade ilegal. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.