O secretario de Política Municipal do PSdeG, Juan Manuel Rodríguez, acusa ao BNG de «permitir unha anomalía ideolóxica» ao participar no rexistro da moción de censura de Muxía xunto co PP e con Independentes por Muxía.
O tamén alcalde de Cerceda criticou ademáis «a anomalía de propoñer para alcalde a quen só sumou dous concelleiros e non representa á vontade da maioría da veciñanza de Muxía».
«En política hai que saber ver máis aló dos choques persoais», sinalou o socialista, engadindo que «nese senso debería ser impropio da formación nacionalista facer seguidismo a intereses particulares e escuros que pouco teñen que ver co ben común de Muxía».
«En canto á portavoz do BNG en Muxía, todo o que non pase pola expulsión do partido, é consentir o sucedido, ademais de facilitar gobernos da dereita, algo que o PSdeG non favorecerá», afirma o socialista.
Finalmente, Rodríguez lembrou que «a estabilidade é unha condición fundamental para a boa xestión e para o porvir de Galicia, e as formacións políticas deben ter a responsabilidade de contribuír a ela”.