O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron esta mañá o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), da Universidade de Santiago de Compostela, que puxeron en valor como un dos centros referentes de Galicia na investigación da intelixencia artificial, especialmente no eido das tecnoloxías lingüísticas, o ámbito de maior impacto actual neste eido.
Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as necesidades no eido da investigación, coñeceron de primeira man os ámbitos de traballo do CITIUS.
Guiados polo director científico do centro, Senén Barro, afondaron nas investigacións que xiran arredor dos dispositivos e a computación verde e intelixente, así como nos fundamentos da intelixencia artificial. Ademais, o centro traballa as tecnoloxías intelixentes tendo en conta o marco ético, social, económico e cultural que os engloba para facer da intelixencia artificial unha ferramenta confiable.
A Xunta de Galicia está a investir case 6M€ neste centro, un dos 13 que compoñen a rede de Centros de Investigación de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia. Grazas a este apoio, os máis de 100 investigadores que traballan no CITIUS están a desenvolver iniciativas como o Proxecto Nós para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Entre outras actuacións destacadas, tamén traballan en proxectos arredor da monitorización preditiva e causalidade para rehabilitación cardíaca ou de observación e predición da calidade do aire a escala urbana.
Cómpre destacar a estratexia de transferencia do CITIUS baseada na cooperación co sector industrial a partir dos seus resultados científicos. No ano 2023, asinou 13 novos contratos, por un valor de máis de 2,6M€ con empresas como Avensis, Finsa ou Repsol. Ademais, no período 2020-23 captou 16,5M€ en convocatorias competitivas.