Lara Méndez reivindica “un país de futuro onde os mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto vital” e non teñan que marchar como fixeron 87.300 persoas de 16 a 29 anos dende 2010.
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro centrará a próxima sesión de control no “rotundo fracaso” das políticas do goberno galego para a xuventude. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que se celebrou hoxe para fixar a orde do día do Pleno do Parlamento que se celebrará a próxima semana.
Besteiro esixiralle ao presidente da Xunta “unha verdadeira política de apoio á xuventude de Galicia” logo da ineficacia das medidas postas enriba da mesa ata o momento como demostra que 2 de cada 10 mozos e mozas de Galicia tiveran que marchar a traballar fora do país, o que supuxo o “éxodo” de 87.300 persoas de 16 a 29 anos dende o ano 2010 pola falla de medidas eficaces por parte do goberno galego.
Os socialistas galegos reclaman medidas dirixidas a facer que os mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto vital en Galicia, que fagan deste “un país de futuro” e que paren coa sangría demográfica que “está a botar fora á xeración mellor formada da nosa historia”. Neste mesmo sentido, Lara Méndez explicou que o Grupo Socialista presentará unha proposición non de Lei con propostas concretas para impulsar un emprego de calidade para a xente moza.
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle ao goberno galego que retome de forma permanente a Tarxeta Básica. Méndez esixiulle ao presidente da Xunta que recapacite e dea marcha atrás na súa desafortunada decisión -que tomou nada mais chegar á presidencia- de suprimir esta axuda para produtos básicos de supermercado, hixiene e farmacia, fundamental para máis de 75.000 galegos e galegas.
A viceportavoz do Grupo Socialista anunciou que os socialistas presentarán unha moción para reclamar unha nota orientación das políticas de xestión de Residuos Sólidos Urbanos e para que asuman o sobrecuste do canon de Sogama imposto polo incumprimento dos requisitos de reciclaxe por parte do goberno galego.
Tamén presentarán unha moción para reclamarlle ao goberno galego o incremento do financiamento local a través do Fondo de Cooperación Local, incrementando a autonomía financeira dos concellos, que actualmente están afogados porque a Xunta os sobrecarga con prestacións que son competencia do goberno galego pero sen incluír o financiamento necesario.
Alertou de que a política do goberno galego está a provocar un grave problema de infrafinanciamento dos concellos que pode abocalos á bancarrota, ao impago de servizos, poñendo en risco o cumprimento de contratos e no borde dunha crise social sen precedentes. O Pleno incluirá unha pregunta oral do Grupo Socialista para urxir á Xunta que traslade axudas ao sector do viño da Ribeira Sacra, que “están a chegar tarde”.
Tamén incluirán unha pregunta oral sobre as carencias na dotación dos centros educativos na Costa da Morte e os usos que se lles está a dar aos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería de Medio Rural.
Comisión de Investigación
Lara Méndez emprazou ao PP a aceptar as solicitudes de comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o expresidente Feijóo na Comisión de Investigación para analizar o sobrecuste de máis de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e as irregularidades na contratación pública da Xunta detectadas polo Consello de Contas.
Méndez advertiu que “á cidadanía cústalle moito crer que non poida haber explicación do sobrecuste” na obra que “é responsabilidade de Feijóo e Rueda, que teñen que sentar e dar explicación” a tódolos galegos e galegas. Reclamou “tódolos detalles do sobre custe e o modo de proceder do PP” no goberno galego que se ten demostrado “nin adecuado, ni axeitado nin rendible” para a Comunidade Autónoma.
A responsable socialista emprazou aos grupos parlamentarios, sinaladamente ao PP, a garantir que a Comisión de Investigación chegue a termo con acordo sobre as conclusións e non quede suspendida no tempo como lle sucedeu á Comisión de Investigación da fusión das caixas.