Inés Rey presidiu a recepción e acto institucionais ao que asistiron as alcaldesas de Santiago de Compostela, Lugo, Las Palmas de Gran Canaria, Palencia, Barakaldo, Alcorcón, Rivas-Vaciamadrid, Reus e San Fernando.
A Coruña acolle durante o día hoxe o II Encontro de Alcaldesas baixo o título ‘Tomando decisiones para cambiar el mundo’, promovido pola alcaldesa, Inés Rey, para a posta en valor do liderado político das mulleres na administración local. Rey presidiu a recepción institucional desta mañá no Palacio de María Pita ao que acudiron 32 alcaldesas de Galicia e España.
Do mesmo xeito que na primeira edición do encontro Rey convocou ás mulleres alcaldesas de capital de provincia, comunidade autónoma e máis de 100.000 habitantes para acordar unha declaración conxunta. Neste 2024, dez alcaldesas estatais asinaron o documento no que se compometen a loitar pola igualdade dende as institucións. As alcaldesas que asinaron son: Carolina Darias, alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria; Goretti Sanmartín. Alcaldesa de Santiago de Compostela; Amaia del Campo, alcaldesa de Barakaldo; Miriam Andrés, alcaldesa de Palencia; Parricia Caavada, alcaldesa de San Fernando; Aínda Castilleja, alcaldesa de Rivas Vacia-Madrid; e Sandra Guaita, alcaldesa de Reus.
A rexedora convidou ás alcaldesas galegas a adherirse á Declaración de María Pitasendo asinada por un total de 23 gobernadoras das catro provincias no acto da mañá. «En total, as mulleres que hoxe estamos neste Salón de Plenos, representamos a case 2 millóns de persoas» explicou Inés Rey, quen lle agradeceu o apoio: «Hoxe volvemos comprometernos coa igualdade desde os nosos concellos para traballar por cidades seguras, inclusivas, que incorporen a variable de xénero no seu deseño, economía e forma de liderar. E volvemos comprometernos co feminismo como foro presente na nosa acción de goberno» concluíu.
Xornada de tarde, aberta ao público e dispoñible en streaming
O II Encontro de Alcaldesas continuará pola tarde cun evento aberto á cidadanía, a partir das 16.15 horas da tarde no Palacio de Congresos e Exposicións de PALEXCO, e retransmitido en streaming a través do Youtube do Concello da Coruña.
A apertura institucional contará coa intervención da alcaldesa, Inés Rey, xunto coa Conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno de España, María Jesús Montero. Xa despois comezarán as relatorías conducidas pola xornalista Marta Fernández e contará con dúas mesas redondas.
Unha primeira baixo o título «Mujeres en el poder local: nuevas políticas en las agendas del cambio» moderada pola abogada e escritora Cruz Sánchez de Lara e na que participarán Carolina Darias, alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria; Miriam Andrés, alcaldesa de Palencia; Amaia del Campo, alcaldesa de Barakaldo; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; e Candelaria Testa, alcaldesa de Alcorcón.
A xornada continuará co debate «La ciudad de las mujeres: trabajando desde el espacio urbano para la innovación local» moderada pola xornalista Anabel Díez. Na mesma intervirán como relatoras Aida Castillejo, alcaldesa de Rivas-Vaciamadrid; Sandra Guaita, alcaldesa de Reus; Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo; e Patricia Cavada, alcaldesa de San Fernando.
Rematará cunha relatoría moderada pola xornalista galega Ainhoa Apestegui na que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, analizará as conclusións do encontro xunto coa alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, a rexedora máis xoven de Galicia e España.