A Xunta colabora co Club Ensino nun programa para impulsar entre os escolares a actividade deportiva e a igualdade

por Redacción Deportes

Ensino School Prix propón unha competición lúdica entre centros educativos da provincia en cada partido que dispute o equipo de baloncesto lucense como local.

A Xunta de Galicia colabora co Club Ensino de baloncesto feminino na posta en marcha do Ensino School Prix, que busca implicar aos centros educativos lucenses para impulsar entre os menores a práctica deportiva e a igualdade.

A iniciativa foi presentada hoxe polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o presidente do club, Manuel Durán, e desenvolverase ao longo da tempada nos partidos da Liga Endesa -a máxima categoría do baloncesto feminino- que o Ensino dispute como local no Pazo dos Deportes.

En cada xornada escolares de Educación Primaria de distintos centros da provincia disputarán unha competición lúdica. Na pausa entre cuartos disporán dun minuto para realizar unha coreografía de baile, palmas ou cánticos; tamén se valorarán aspectos como a vestimenta, pancartas, o colorido que dean á grada ou o grupo máis numeroso, e tres representantes de cada colexio enfrontaranse no descanso sobre a pista de xogo para amosar as súas habilidades de bote de balón e tiro a canastra.

O club quere fomentar a afección polo baloncesto abrindo as portas do Pazo de forma gratuíta aos centros participantes e creando un ambiente festivo para arroupar ao equipo lucense.

Todos os colexios da provincia recibirán a invitación para participar no programa, e cos que se inscriban elaborarase un calendario con polo menos dous competidores en cada partido. O gañador pasará á seguinte rolda ata ter un campión definitivo.

Cada participante terá como madriñas a dúas xogadoras do primeiro equipo, que nas semanas previas ao encontro visitarán o colexio para compartir charlas e experiencias co alumnado, expoñendo a realidade do deporte feminino de elite e a desigualdade  entre xéneros que aínda a día de hoxe existe no deporte.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario