O estudo encargado polo BNG a profesores da Universidade da Coruña estima o custo do rescate en 904,7 millóns de euros, cantidade moi inferior á que o Ministro estabeleceu en declaracións
O Bloque Nacionalista Galego, após dar a coñecer o estudo que encargou á Universidade da Coruña sobre o rescate da AP-9, rexistra iniciativas nas Cortes para demandar ao Goberno do Estado que proceda ao rescate como a mellor das opcións para as arcas públicas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, convida o Ministerio de Transportes a aproveitar o momento actual, en que a Comisión Europea declarou nula a prórroga, e rescatar a concesión para conseguir unha AP-9 libre de peaxes e proceder posteriormente á súa transferencia á Galiza.
O estudo realizado por expertos da Universidade da Coruña, encargado polo BNG, conclúe que, tal e como manifestou a Comisión Europea, as prórrogas outorgadas á concesionaria da AP-9 son ilegais «porque supoñen un cambio substancial nas condicións que debera ter implicado, naquela altura, a saída a concurso público». O propio estudo estabelece unha valoración do custo do rescate da autoestrada só en 904,7 millóns de euros, posto que ao ser declarada nula esta prórroga, a concesionaria non tería dereito a ser compensada polo diñeiro que deixaría de gañar até o final do período de explotación.
«Esta cifra fica moi por debaixo das cantidades baralladas por parte do Ministerio -que non se sustentan en ningún estudo- e que falaban de 4000 e mesmo 6000 millóns de euros, sen que nunca se xustificasen esas cantidades. Mesmo o estudo da Xunta, posto en cuestión pola relación da empresa que o realizou, EPTISA, con Audasa, cifra o custo en menos de metade das cantidades de que fala Óscar Puente», salienta Rego.
Por tanto, para o deputado do BNG no Congreso, o rescate non só é unha alternativa perfectamente factíbel senón «a mellor tanto para as persoas usuarias como para as arcas públicas». Do punto de vista legal a anulación da pórroga da concesión viría avalada polo expediente de infracción da UE e co precedente da anulación por parte do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) da prórroga concedida polo Goberno italiano aos explotadores da autoestrada Tirrénica –entre Livorno e Civitavecchia–, que creou xurisprudencia sobre as extensións de concesións que en máis de 60% do prazo inicial e que son consideradas como «adxudicacións directas» ao limitar a concorrencia doutros candidatos ao contrato.
O estudo encargado polo BNG á UDC evidencia «a incomprensíbel decisión do Goberno do Estado de seguir a defender a legalidade da prórroga e manter un negocio á custa dos galegos e galegas para beneficiar unha empresa en mans agora de fondos voitre estranxeiros». Para o deputado nacionalista, á vista das cifras que o estudo pon de manifesto «a mellor decisión é proceder ao rescate da AP-9»: primeiro, porque as prórrogas concedidas a Audasa para a súa explotación até 2048 son «ilegais» e, en segundo lugar, porque o custo para as arcas públicas é inferior ao desembolso de 2.400 millóns que o Estado deberá aboar até o final da concesión polas peaxes en sombra e outras bonificacións.
«O rescate significaría un aforro moi importante para as arcas públicas e, neste momento, pode iniciarse aproveitando que o contrato de prórroga foi ilegal, tal e como xa declarou a Comisión Europea e, polo tanto, pode anularse por ser unha decisión que se adoptou a favor de Audasa e en contra dos galegos e galegas» finda Néstor Rego.