A secretaria xeral dos populares galegos reitera a demanda de rebaixar o IVE de máis alimentos básicos como o peixe, a carne ou as conservas: “Unha medida á que Sánchez se ten oposto de xeito reiterado a pesar de que tanto o Parlamento de Galicia como o Congreso dos Deputados lle trasladaron este mandato”.
O Partido Popular de Galicia amosa o seu rexeitamento á decisión do Goberno central de subir o IVE aos produtos básicos, argumentando que con esta decisión se constata que “a única prioridade de Pedro Sánchez é a súa propia supervivencia”e non a das familias nin a dos comerciantes que madrugan cada mañá para vender os seus mellores produtos.
En declaracións aos medios antes de realizar unha visita á Praza de Abastos de Santiago de Compostela acompañada polo presidente local do PP, Borja Verea, a número dous dos populares galegos lamentou que o Goberno “non está axudando ás familias e ás pequenas empresas que ven como cada día ascende o custo da cesta da compra”.
“Non se entende que o Goberno central que máis impostos recada da historia decidira esta semana que os galegos e galegas, e todos os españois, paguemos máis IVE en alimentos básicos”, asegurou ao tempo que remarcaba que os alimentos se teñen encarecido un 35% máis nos últimos tempos.
Paula Prado volveu insistir na demanda de rebaixar o IVE de máis alimentos básicos como o peixe –“cuxo consumo segue baixando”, apuntou– a carne ou as conservas. Unha medida á que o Goberno de Sánchez se ten oposto de xeito reiterado “a pesar de que tanto o Parlamento de Galicia como o Congreso dos Deputados lle trasladaron este mandato”.
“Sánchez non está preocupado pola supervivencia das familias, nin das pequenas e medianas empresas. Só está preocupado pola súa propia supervivencia e o único que abarata son os votos do independentismo”, concluíu a secretaria xeral.