Nicole Grueira explica que no decreto de compra deste vehículo certifícanse as obxeccións postas dende a Secretaría a esta operación xa que, ante as dificultades que atravesa o Concello de Pol, non se deben realizar compras deste tipo “ao poñer en risco que os provedores municipais cobren polos servizos prestados”
“Ninguén pode entender o que fai o alcalde, seguro que nin el mesmo”. Así de contundente se amosa a voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, tras coñecer que o alcalde do municipio, Lino Rodríguez, vén de mercar un autobús con fondos públicos de todos os veciños.
Nicole Grueira desvela que este vehículo tivo un custo de 17.145€ e supón “unha burla a todos os veciños de Pol” porque “non se pode entender que destine cartos públicos a este fin, mentres ten as pistas municipais intransitables ou existen serios problemas para pagar as nóminas a final de mes de todos os traballadores municipais ou outros gastos xerais do Concello”, denunciou.
De feito, dende a Secretaría municipal “non ven con bos ollos” esta adquisición xa que, en primeiro lugar, dende este departamento puxeron reparos a esta compra, ademais de asegurar que “a compra do autobús non pode poñer en risco que os provedores municipais cobren polos servizos prestados”. “Claramente critican esta compra, sobre todo tendo en conta as dificultades económicas que atravesa o Concello de Pol”, afirmou.
A voceira popular tamén pregunta ao alcalde “como pensa pagar o seguro obrigatorio do autobús se a Deputación tivo que rescatar ao Concello para que puidese pagar os seguros do resto de vehículos municipais”.
Ademais, Nicole Grueira explica que esta compra “realizouse sen seguir os trámites administrativos oportunos, o que pon de manifesto o desprezo de Lino Rodríguez por cumprir coas obrigas económicas do Concello ou polos propios veciños”.
“A realidade é que en Pol estamos fatos do continuo malgasto de diñeiro que o único que fai é agravar cada vez máis a situación económica do Concello, poñendo en risco a sostentabilidade dos servizos básicos. Xa é hora de poñer en orde as contas e preocuparse polo que verdadeiramente importa”, afirmou.