A nova instalación xa se pode visitar na planta baixa do museo, na que cada día nacerán unha decena de crías de galiña.
O Concello da Coruña renovou un dos módulos estrela da Casa das Ciencias, a incubadora de pitiños co obxectivo de facela máis espazosa e accesible ás visitas. A actuación vai na liña doutras actuacións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para a mellora dos Museos Científicos, como a renovación do proxector do planetario.
Esta nova instalación está especialmente adaptada para facilitar que os nenos e nenas de menor idade poidan contemplar o proceso do nacemento de crías de galiña, a través dunha gran cristaleira situada a pouca altura. O novo deseño tamén mellora as condicións de temperatura, humidade e hixiene que precisan os animais.
A incubadora de pitiños formou parte da Casa das Ciencias por primeira vez na exposición temporal «Amarelo por natureza» de 1997, mais a partir de entón decidiuse manter de forma permanente debido ao seu interese didáctico e ás peticións do público. A incubación de pitiños require de 21 días a unha humidade e temperatura concretas para que a cría se desenvolva por completo e logre romper a casca do ovo. Tras un breve descanso, os pitos comezan a camiñar e son quen de alimentarse e beber de xeito completamente autónomo.
Os pitiños que nacen na Casa das Ciencias repártense entre granxas locais da provincia da Coruña a través dunha empresa de educación ambiental.