Licitada a segunda fase das obras de mellora da DP-1105 que une Noia, Boiro e Lousame

por Redacción A Coruña

Tras completar a renovación dos primeiros 5,5 quilómetros do vial en Noia, as obras continuarán agora ata o quilómetro trece nos municipios de Lousame e Boiro

Nove días despois de que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciara en Noia que a institución provincial continuaría coas obras de mellora da seguridade e renovación do pavimento da estrada provincial DP 1105, que conecta os municipios de Noia, Lousame e Boiro; as obras da segunda fase do proxecto acaban de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado cun orzamento previsto de 923.074 euros.

Tras completar a renovación do firme da estrada nos primeiros 5,5 quilómetros, que atravesan o termo municipal de Noia, a Deputación da Coruña continuará agora os traballos de mellora ata o quilómetro 13 do vial, nos termos municipais de Lousame e Boiro.

Os traballos suporán a renovación da plataforma do vial mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor. Tamén se inclúe a roza das marxes, a apertura e limpeza de arcéns e cunetas, o pintado das marcas viais, bordes e pasos de peóns e a renovación da sinalización horizontal.

Con esta nova actuación, a Deputación suma 1,5 millóns de euros de investimento para completar a mellora integral dunha estrada que Formoso definiu como «fundamental para a vertebración das comunicacións da comarca de Barbanza» e que rexistra un importante volume de tráfico diario.

Etiquetas , , , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario