O mércores 9 terá lugar na ETSAC o acto institucional de entrega de diplomas ao estudantado egresado de todas as titulacións da Escola no curso 2023-2024. O venres 11 o Pazo de Arenaza acollerá unha xornada de apoio á actividade profesional no sector da arquitectura
Con motivo da Semana da Arquitectura, que ten lugar do do 7 ao 13 de outubro, a Deputación da Coruña coorganiza unha serie de eventos en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) da UDC e a Delegaciónda Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos/as de Galicia (COAG).
O mércores 9 terá lugar o acto de graduación de todos/as os/as novos/as titulados/as da ETSAC no que participará Rosa Ana García, deputada provincial responsable da Área de Emprego; xunto con Ricardo Cao, reitor da UDC; Miguel Abelleira, director da ETSAC; Ruth Varela, presidenta da Delegaciónda Coruña do COAG; e representantes das principais institucións vinculadas á arquitectura como a Hermandad Nacional de Arquitectos, a Caixa de Arquitectos e ASEMAS (seguros de responsabilidade civil para arquitectos).
Por outra banda, o venres 11, o Pazo de Arenaza, coworking integrante da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación especializado na arquitectura e o urbanismo, acollerá unha xornada de apoio á actividade profesional. Durante esta xornada farase fincapé no convenio asinado entre a ETSAC e a Deputación da Coruña polo cal os e as estudantes de máster e recén egresados/as da ETSAC teñen acceso con carácter preferente a catro módulos de traballo no coworking do Pazo de Arenaza.
Ademais, durante esa mañá, todas as persoas participantes terán oportunidade de debater sobre as necesidades dos profesionais da arquitectura para desenvolver o seu traballo e de realizar unha visita guiada polo edificio histórico do Pazo de Arenaza da man dun dos arquitectos implicados na súa rehabilitación, Antonio Pernas Varela.
A Deputación porá a disposición de todas as persoas interesadas en participar nesta xornada un servizo de traslado en autobús desde a explanada de Palexco, fronte ao Pazo Provincial da Deputación da Coruña, ás 12.00 horas, ata o Pazo de Arenaza, e de regreso ás 14.00 horas. O autobús realizará tamén unha parada intermedia na parada de autobuses de Alfonso Molina (diante da estación de servizo de Repsol á altura da estación de autobuses).
Pode consultar o programa da xornada, así como inscribirse a través da seguinte ligazón: https://wekab.formaloo.me/coag-pazoarenaza