O PP de Lugo insta ao Goberno central a retirar o recurso que bloquea o Plan de axilización da dependencia impulsado pola Xunta

Para os populares é “incomprensible” que o Goberno central opte por recorrer medidas que estaban a funcionar, especialmente cando “o Estado mantén unha importante débeda en materia de financiamento da dependencia con Galicia, incumprindo o cofinanciamento do 50% establecido na normativa vixente”.

O PP de Lugo defenderá na Deputación e no Concello de Lugo, senllas mocións para instar ao Goberno do Estado a retirar deinmediato o recurso de inconstitucionalidade que paraliza parte da Lei galega 5/2024 e, en particular, o Plan de axilización da dependencia e da discapacidade impulsado pola Xunta de Galicia.

Así o anunciou a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo voceiro na Deputación, Antonio Ameijide, e dos deputados autonómicos Cristina Sanz, Jesús Mato e Raquel Arias.

Segundo indicaron os populares “esta decisión do Executivo central supón un freo ás políticas sociais que estaban a dar resposta á cidadanía e que permitiron simplificar trámites administrativos para miles de persoas en situación de dependencia”.

Segundo destacaron dende o PP de Lugo, o plan impulsado pola Xunta posibilitou que máis de 12.600 galegos e galegas visen recoñecido de maneira automática o seu grao de discapacidade desde a súa posta en marcha, evitando trámites innecesarios e reducindo tempos de espera.

Para os populares é “incomprensible” que o Goberno central opte por recorrer medidas que estaban a funcionar, especialmente cando “o Estado mantén unha importante débeda en materia de financiamento da dependencia con Galicia, incumprindo o cofinanciamento do 50% establecido na normativa vixente”.

Este déficit no financiamento está a carrexar unha importante débeda con Galicia,que neste 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. A Xunta demanda para Galicia o mesmo compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez ten con outros gobernos autonómicos como o do País Vasco, co que acordou unilateralmente financiar a partes iguais a dependencia (50%-50%), o que na práctica supón xerar dependentes de primeira e dependentes de segunda.

A través desta iniciativa, o PP de Lugo busca que tanto na Deputación como no Concello de Lugo “todos manifestemos o rexeitamento á paralización destas medidas sociais que estaban a funcionar ben, ademais de reclamar respecto polo autogoberno galego e pola capacidade lexislativa da Comunidade Autónoma”.

A iniciativa tamén recolle a necesidade de que o Goberno de España dea prioridade ao benestar das persoas dependentes por riba das disputas competenciais e cumpra coas súas obrigas financeiras neste ámbito.

Comparte éste artículo
No hay comentarios