Luis Menor lembrou que o pulo ao desenvolvemento dos espazos empresariais na provincia forma parte dos compromisos adquiridos no seu discurso de investidura, «estratexia que encaixa perfectamente cun dos polos de emprego máis importantes da provincia»
A Deputación de Ourense colaborará cos empresarios da área industrial da Uceira, no Carballiño, para potenciar o asociacionismo e facilitar a prestación de servizos ás firmas instaladas no parque empresarial.
O presidente da Deputación, Luis Menor, comprometeu esta cooperación no transcurso do encontro de traballo que mantivo no Pazo Provincial coa directiva da Asociación de Empresarios da Área Industrial do Carballiño, encabezada polo seu presidente, Manuel Carballeda, que estivo acompañado por Daniel Atanes, membro da xunta directiva.
Os representantes da asociación explicaron a Luis Menor a realidade dun parque empresarial que acolle na actualidade a 57 empresas, con 1.400 traballadores e unha facturación do entorno dos 300 millóns de euros anuais.
Na entrevista tamén se expuxeron as necesidades que teñen os empresarios instalados neste espazo, tanto en cuestións que son competencia doutras administracións como aspectos nos que pode colaborar a Deputación.
Luis Menor lembrou que o pulo ao desenvolvemento das áreas industriais na provincia forma parte dos compromisos adquiridos no seu discurso de investidura como presidente provincial, «estratexia que encaixa perfectamente cun dos polos de emprego máis importantes da provincia».
O fomento do asociacionismo, engadiu, tamén redundará «na prestación de máis e mellores servizos aos empresarios da Uceira, fortalecendo este pulmón industrial que xera riqueza, emprego e mantén poboación na comarca».