Lara Méndez avanzou que o grupo parlamentario vén de presentar unha proposición “para que a vivenda pública sexa sempre pública e non se poida pasar nunca ao mercado privado”, á que seguirán máis iniciativas para impulsar as modificacións lexislativas que sexan necesarias co fin de garantir o acceso da mocidade e das familias á vivenda.
“O problema da vivenda é unha das grandes prioridades da acción política do Grupo Parlamentario Socialista e tamén do PSdeG, e tal e como avanzou o secretario xeral, imos impulsar diversas iniciativas co fin de rematar coa especulación coa vivenda pública”. A viceportavoz socialista no Parlamento galego anunciou así esta mañá o contido dunha proposición non de lei que o grupo vén de rexistrar “para que a vivenda pública sexa sempre pública e non se poida pasar nunca ao mercado privado”.
Na liña do que xa explicara onte José Ramón Gómez Besteiro, a deputada insistiu na aposta pola “proteccion permanente” para as promocións suxeitas a calquera réxime de protección pública e que así “non se poidan allear”. Por ese motivo, a primeira dunha serie de iniciativas que os socialistas defenderán na Cámara demanda da Xunta o impulso “das modificacións normativas que sexan necesarias” para cumprir ese obxectivo, ao tempo que sinala a “urxencia de incrementar o parque de vivenda social, tal como esixe a lei estatal”, porque as cidades galegas se atopan “nunha clara situación de emerxencia habitacional”.
Nese senso, sinalou a falta de políticas de vivenda dos gobernos de Feijoo e Rueda durante os últimos 15 anos como causa do actual problema. “Hai pouca vivenda para compra e o alugueiro é cada vez máis caro”, sinalou en relación a “datos alarmantes”, entre os que destacou o incremento do prezo para os inquilinos nun 7 % “só durante o último ano”. Como exemplo do que está a acontecer, puxo “unha cidade como pode ser a da Coruña”, na que nos últimos 15 anos, coincidindo co período do PP á fronte da Xunta, os prezos se incrementaron nun 48 %, é dicir, “aumentaron o dobre do que aumentan os salarios”, o cal cualificou de “insostible” para a mocidade e as familias. “Un aluguer xa costa máis que unha hipoteca en catro cidades de Galicia”, engadiu.
Mentres, o PP “non cre nas políticas de vivenda pública”, tal como demostran as cifras que lembrou Méndez. Durante os catro anos de Goberno de Touriño construíronse 11.602 vivendas de promoción pública. Pola contra, nos 15 de Feijoo e Rueda, “entre os dous”, foron só 5.855. “Rueda anuncia agora que vai triplicar os cartos destinados a vivenda, pero non lle pon apelido, e nós queremos que lle poña apelido: vivenda pública”, remarcou.
Ademais, esixiu que os fondos non se multipliquen por tres, “senón por seis, para igualar ao Goberno de Touriño”. A viceportavoz socialista apuntou que a vontade da Xunta de incrementar o investimento se debe a que os fondos europeos conseguidos por Pedro Sánchez son finalistas, porque, do contrario, “ao mellor tampouco lle dedicaba tanto investimento”.
Lara Méndez concluíu insistindo en que hai que “evitar que o PP favoreza a especulación” e conseguir que a protección sobre as vivendas “sexa permanente”. “Non vale que de inicio se constrúa como pública se co paso do tempo se converte en privada”, afirmou para recordar a continuación que o Goberno central tratou de garantir esa protección a través da lei estatal, pero que o PP recorreu a medida e a Xustiza “dixo que efectivamente era competencia autonómica”.
De modo que “a pregunta é sinxela: Vai apoiar o PP as iniciativas do PSdeG? Vai apoiar que a vivenda sexa pública? Vaise comprometer a rematar coa especulación?”, dixo a viceportavoz socialista.