Acometer a recuperación integral de Bonaval e descentralizar o Museo do Pobo Galego, entre as liñas mestras do proxecto de Lois Ladra para a institución

por Redacción Galicia

O antropólogo e arqueólogo asumiu a Dirección do Museo do Pobo Galego a comezos deste mes de outubro

Acadar unha ampliación significativa dos recursos económicos e humanos destinados ao centro, consolidar o crecemento experimentado ao longo dos últimos anos, levar a cabo as obras de recuperación integral do conxunto monumental de San Domingos de Bonaval e concluír a montaxe das novas salas de historia, coa vista posta no cincuenta aniversario da institución, previsto para 2027. Son as principais liñas mestras do novo proxecto para o Museo do Pobo Galego co que Lois Ladra vén de asumir a Dirección da entidade. 

Precisamente, o seu proxecto museolóxico, xunto coa súa formación no ámbito da antropoloxía e a súa experiencia profesional, foi un dos aspectos que a comisión seleccionadora tivo especialmente en conta á hora de elixir a Ladra a través dun concurso de méritos con máis de vinte candidaturas. Así o apuntou este mediodía a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, na presentación de Lois Ladra, quen releva ao anterior director, Manuel Vilar Álvarez, xubilado en setembro. 

Lois Ladra (A Coruña, 1972) asumiu o cargo o pasado luns, 2 de outubro, co «orgullo de incorporarse á Dirección dunha entidade que representa o mellor deste país e un exemplo de como a sociedade civil pode organizarse para crear un centro referencial coma este». Ladra debullou tamén outros aspectos que merecerán especial interese nesta nova etapa da entidade. Entre eles, a «descentralización do Museo, para tentar chegar a todos os recunchos do país», así como «o fortalecemento das relacións culturais e patrimoniais con Portugal e coa lusofonía». Todo isto, «sen perder de vista os firmes e sólidos valores fundacionais do Museo do Pobo Galego, as varias décadas de experiencia acumulada no estudo, na defensa e na activación cultural do patrimonio etnolóxico do noso pobo». E tamén, sen esquecer a necesaria adaptación aos novos tempos, actualizando o discurso museolóxico e as instalacións museográficas. En definitiva, segundo apuntou Ladra, o obxectivo será «celebrarmos con orgullo este medio século de vida, creando as condicións necesarias para que o Museo do Pobo Galego, tomando prestadas as fermosas palabras de Cunqueiro, poida seguir existindo mil anos máis como faro, luz e guieiro da nosa cultura e da nosa identidade como sociedade milenaria, plural, rica, dinámica, inclusiva e diversa».

Biografía 

Ladra é Licenciado con grao en Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria e Etnoloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Ten ademais un mestrado en Arqueoloxía pola Universidade do Porto (Portugal) e unha Licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural. A súa experiencia laboral está ligada ao estudo, defensa e activación do patrimonio cultural, tanto en traballos desenvolvidos para diversas administracións públicas como en empresas españolas e portuguesas, así como no Terceiro Sector. 

Participou en máis de cincuenta campañas de escavacións arqueolóxicas en Galicia, Cataluña, Castela, Portugal e Inglaterra, dirixindo intervencións, entre outros sitios, no Castro de Chandebrito, no Hostal dos Reis Católicos e no Mosteiro de Samos. Como antropólogo cultural, ten desenvolvido traballos de campo principalmente en Galicia e no norte de Portugal, onde traballou durante anos no estudo etnolóxico de vales afectados pola construción de grandes presas.

Ladra, que xa formaba parte como asociado do Museo do Pobo Galego, viña colaborando con esta institución na revista Adra desde o ano 2010. O seu traballo como investigador independente valeulle numerosos recoñecementos. Entre eles, o Premio Ferro Couselo, o Premio Vicente Risco, o Premio Raigame, o Premio Fermín Bouza-Brey, o Premio Cátedra, ou o Premio Ferro Caaveiro.

A súa relación cos museos vén de lonxe pois, amais de terse formado en museoloxía na Universidade Complutense, traballou en varios centros como o Museo Arqueolóxico da Coruña, o Servizo de Museos da Xunta de Galiza, o Museo Nacional das Peregrinacións… Desenvolveu labores de estudo e catalogación de fondos, entre outros, no Museo Arqueológico Nacional (Madrid), na Colección Municipal de Rodeiro (Pontevedra), no Museo do Castro de Viladonga, no Museo Provincial de Lugo… Tamén publicou estudos no Museu do Douro, na Fundación Barrié e na Fundação Côa Parque. Recentemente recibiu o Premio «Pedra do Destino» da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia. 

Ten publicado oito libros orixinalmente escritos en galego, castelán e portugués, cinco deles prologados por patróns e patroas do Museo do Pobo Galego e tamén máis de medio cento de artigos en publicacións periódicas nacionais e internacionais. Son obra súa as monografías Arte relixiosa popular na terra de Valga (2002), A pesca tradicional nos ríos de Galiza (2008), Inventario de la riqueza monumental de Galicia: estudios introductorios (coautor, 2008), Tecnologia tradicional do sumagre (2013), A cultura da amêndoa no Douro (2013), Arqueologia da indústria moageira (2018), Os torques ártabros (2020) e  Religiosidade popular e mitos fundacionais (2021). 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario