A Xunta destina preto de 1 M€ aos dous obradoiros de emprego que impulsa este ano en Sarria

por Redacción Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou as últimas actuacións que executan no Campo da Feira os actuais participantes, que en decembro darán o relevo ao novo proxecto

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina preto de 1 millón de euros a dous obradoiros de emprego promovidos polo Concello de Sarria que se darán o relevo neste último trimestre do ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe as últimas actuacións que están a executar os participantes na cuarta edición do obradoiro Sarria, Camiño de Santiago, que rematará en novembro e terá continuidade cunha quinta edición a partir de decembro.

Cada proxecto ofrece formación teórica e práctica a 20 traballadores desempregados en especialidades relacionadas coa albanelería e a carpintaría. Ao tempo que adquiren experiencia laboral, realizan obras de interese social en espazos públicos do municipio.

Así, actualmente están levando a cabo melloras no Campo da Feira, consistentes na substitución da cuberta do edificio destinado a aseos públicos e na reparación das beirarrúas do perímetro da edificación e das escalinatas de acceso aos casetos do polbo. Igualmente, están arranxando a varanda de madeira do paseo no Campo do Río.

Nos últimos meses completaron xa outros labores, como a rehabilitación das fachadas exteriores dos aseos no Campo da Feira, a restauración da porta principal do Concello, a construción dun expositor para información turística ou a rehabilitación da carpintería exterior de madeira da antiga prisión provincial. Ademais, construíron unha praza pública fronte á entrada do novo cemiterio municipal, e pavimentaron o camiño central e rehabilitaron o edificio de autopsias nas antigas instalacións.

A quinta edición do obradoiro abundará no acondicionamento do Campo da Feira, acometendo a restauración íntegra de varios pendellos, e tamén abordará outros traballos de embelecemento da ruta xacobea ao seu paso polo municipio.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario