ADEGA fará unha plantación de autóctonas nas ribeiras do Tea canda ao alumnado do CIFP A Granxa de Ponteareas

por 21 Noticias

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora a través dunha nova xornada teórico-práctica de voluntariado ambiental xunto co alumnado do CIFP A Granxa de Ponteareas.

A sesión desenvolverase en xornada de mañá os días 17 e 18 de outubro. O primeiro día realizarase unha introdución á problemática das especies exóticas invasoras e unha explicación dos métodos empregados anteriormente por ADEGA para eliminar especies herbáceas e arbóreas da zona. 

O segundo día terá lugar a sesión práctica, con visita á zona de actuación do río Tea dentro do Proxecto Fluviatilis, traballos de identificación de especies invasoras e plantación de árbores autóctonas nas ribeiras do río, como acción de conservación do medio fluvial e loita contra as invasións biolóxicas na zona. 

O río Tea é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para levar a cabo actuacións de control da flora exótica invasora mediante xornadas de voluntariado. A actividade tamén estará dirixida a establecer un marco operativo e seleccionar as metodoloxías axeitadas que permitan abordar con éxito futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implantación de solucións baseadas na natureza. 

As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a distintos públicos, son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

O obxectivo final deste proxecto é dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión mediante accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario