O obxectivo é ofrecer aos participantes unha alternativa de ocio e cultural, así como favorecer o envellecemento activo
110 aracheses maiores de 55 anos de idade, xubilados ou pensionistas participan hoxe na excursión ao Baixo Miño organizada polo Concello. Encabezan a expedición o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
O autobús saíu da Laracha ás 7:00 horas. Durante toda a xornada están a desfrutar de visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro e aos Muíños do Folón do Rosal, así como á localidade da Guarda e ao museo e santuario de Santa Tegra dese municipio.
Este tipo de iniciativas son organizadas polo Concello co propósito de ofrecerlle ás persoas participantes unha alternativa de ocio e cultural para o aproveitamento do seu tempo de lecer, favorecer o envellecemento activo e fomentar as relacións sociais entre os veciños dese grupo de idade.