“O Termómetro” da CRTVG custará 5.000 euros por hora máis que o programa ao que substitúe

por Redacción Galicia

Carmen R. Dacosta leva ao Parlamento esta “nova contratación innecesaria, malgasto de fondos públicos e externalización que empeora o servizo” do ente público que provocou unha convocatoria de folga indefinida

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu hoxe que o programa externo “O Termómetro”, custa ata 5.000 euros por hora máis -un 154 por cento máis- que o programa de produción propia ao que substitúe, “A Revista”. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión na que denunciou que a dirección da CRTVG está a “lucrar a unha ex asesora de M. Rajoy”.

A parlamentaria socialista explicou que o programa “O Termómetro” é unha coprodución na que participan as produtoras Sete e media e O Papaventos TV, que é a filial galega de La Cometa TV. Esta é parte do conglomerado empresarial Eurostar Mediagroup, cuxa directora xeral é Rosa María Díez Fernández, que nos seus perfiles en redes sociais presume de ter sido asesora de M. Rajoy durante 8 anos en 3 ministerios.

Dacosta denunciou o incumprimento reiterado da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para facer da CRTVG nun “claro instrumento ao servizo non da cidadanía, senón do poder”, unha xestión que está a ser duramente contestada polo persoal da Compañía, que suma hoxe o venres negro número 335. Apuntoulle ao director xeral que “as leis están para cumprilas, e se non quere asumilo dimita”.

A responsable socialista levou ao Parlamento a polémica decisión da CRTVG de externalizar o programa das tardes, que vén provocar unha folga indefinida dos traballadores do ente fronte a unha decisión que supón “unha contratación innecesaria, un malgasto de fondos públicos e unha externalización que empeora o servizo”. Ademais, constitúe “un paso máis no maltrato e desprezo continuado ao persoal da compañía”.

Dacosta apunta que a decisión custará 16.000 euros por cada emisión do programa, que contará con 65 programas, o que supón que gastan máis dun millón de euros nunha produción de fora “cando viñeron facendo practicamente o mesmo con persoal da casa ao longo de dúas décadas”. Unha decisión que ademais anunciaron en setembro sen a comunicación previa ao comité intercentros, “como é preceptivo por lei”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario