El  No-Do. O Ministro de Fomento visita Lugo. Por Xosé Edrosa Leal

Xosé Edrosa Leal

O ministro de Fomento, exalcalde de Valladolid e con raigaños no concello de Sarria (Lugo), Óscar Puente, recibe hoxe en Lugo a “V” de veciño da man da Federación provincial de asociacións, constituída en asemblea rexia culinaria, a máxima condecoración que outorga este colectivo. Descoñezo, obviamente, cal é o criterio e méritos que rexen para a escolla deste título e recoñecemento, pois por moito esforzo que un faga resultaralle difícil entender cales son os méritos acreditados para tal recoñecemento á persoa indicada, a non ser que se valore o estado de necesidade e discriminación desta provincia no eido das infraestruturas dependentes do seu ministerio, agás que esta consideración veña motivada pola razón e relevancia do seu cargo e non polos benfeitos do mesmo con esta provincia. Estou seguro que o señor Vázquez, home de sobrada experiencia e recursos dabondo, saberá ponderar o encaixe desta decisión.

 Máis dunha vez vin a este colectivo pór unha pica en Flandes  reivindicando o tren que non chega a Lugo, elo en igualdade de condicións ao resto das provincias, milagre que aínda non se tén revelado. Cómpre lembrar tamén as clamorosas deficiencias que nos afectan a Lugo e provincia, como por exemplo a A6 Madrid-A Coruña, na que ata fai ben pouco tíñamos que ir esquivando as pucharcas para non estoupar unha roda e saírse da vía. Agora puxéronlle uns parches para ir tirando. E que dicir da interminable autoestrada para unir esta cidade do Sacramento e da paciencia coa capitalidade de Galiza. O conto de nunca acabar. E dentro das obxeccións máis palmarias, o enlace coa outra provincia cincenta Lugo-Ourense. Unha odisea para chegar a esta provincia irmá do interior, non bendicidas polas augas do eixo atlántico. A este abandono podemos engadirlle a medieval entrada a Lugo pola N-640 (Lugo-Oviedo) á Ponte da Estación. Unha corredoira de carros, grazas que nos atenuaron os efectos das gabias transversais que a cotío nos sacudían os cadrís aos condutores/as e acompañantes.

 Serían interminables os agravios que seguramente están nos miolos da cidadanía lucense con capacidade e vontade de esixir o que por dereito nos corresponde. Ben é certo que todo isto non é só culpa do ministro agora condecorado coa “V”, pois xa sabemos do pouco tempo que leva no cargo; tampouco do saco sen fondo das culpas de Pedro Sánchez, pois hai vida antes cá eles, e xa puidemos ver o que fixeron, fan e queren facer os da dereita, que andan botados ao monte, aínda que agora se manifesten en rogativa en calquera recuncho da provincia, criticando e rexeitando o que eles tampouco fixeron cando gobernaban as institucións que agora non controlan; chegando incluso ao cumio do viaduto do Castro da A6, obra executada polo goberno do PP e que se esfargallou aos vinte anos de idade. Segundo din os expertos, que se tapan uns a outros, que o feito causante do óbito prematuro seica foi o enferruxamento da súa estrutura férrea e descomposición do formigón, esquecéndose de contar a causa endémica da sisa reservada do orzamento para untar as vontades sistémicas instaladas no poder.

 Esas cinco mil almas que compartides mesa, mantel e ágape co ministro, pensade nestas cousas  e non no guión imposto previamente por quen ao seu interese convén. Non o esquezan.

Comparte éste artículo
1 comentario