Este luns as traballadoras de ABAI volven concentrarse diante da tenda de Movistar para denunciar o desmantelamento dos centros de chamadas.
A CGT denuncia que nos últimos anos os cadros de persoal foron reducidos drasticamente no servizo de atención ao cliente (1004) e técnico (1002) de Telefónica. ABAI e Atento, dous das súas principais subcontratas, destruíron centos de postos de traballo nos centros que teñen na Coruña.
O representante da CGT en ABAI Coruña resalta que «as teleoperadoras temos que atender chamadas sen descanso e obrígannos a que estas duren os menos posible. A consulta do cliente é o de menos, o único que quere Movistar e ABAI é que vendamos productos novos». O representante tamén declara que «as chamadas non desparecen dun día para outros, pero si poden ser desviadas a outras plataformas que se atopan noutros países onde as traballadoras aínda soportan unhas condicións laborais máis penosas que as nosas».
Este sindicato non descarta máis accións se as direccións de ambas empresas non deixan de atacar as vidas das traballadoras e non se comprometen de maneira firme co mantemento dos postos de traballo.