Medio Rural apoia a presenza da IXP Pan Galego no San Froilán para promover o seu consumo

por Redacción Lugo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colabora con esta indicación xeográfica protexida para favorecer a súa presenza nas casetas do polbo do San Froilán en Lugo, que estarán abertas todo este mes, así como en restaurantes da cidade.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, apoia a presenza da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego no San Froilán, concretamente nas casetas do polbo que estarán abertas ao longo deste mes e nas que se pode degustar este produto con selo de calidade diferenciada, así como nalgúns restaurantes da cidade.

Panadería Ousá, Pan Do Manuel, Panadería Fraga e Panadería Seivane son as panaderías lucenses que forman parte desta iniciativa de promoción dun produto de calidade baseado no emprego de fariñas de trigos galegos, impulsando deste xeito esta produción agraria no rural.

De feito, no pasado ano recolléronse 481.879 quilos de trigo certificado para o seu emprego na elaboración dos produtos amparados pola IXP Pan Galego. Os ingredientes que se utilizan deben empregar na súa elaboración fariña de trigo, da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia (“trigo país”), auga, masa nai (tamén chamada formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, levadura biolóxica.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario