Rego defende ante o Goberno medidas urxentes do BNG para resolver o grave problema da vivenda

por Redacción Galicia

Cesión dos activos da SAREB a Galicia, limitar o prezo dos alugueres e evitar a especulación, reformular o Plan Viena, limitar os xuros das hipotecas, regular os arrendamentos turísticos e de temporada: medidas do BNG, entre outras

O BNG, após solicitar a comparecencia da Ministra de Vivenda no Congreso, a través do seu deputado reclamou ao Goberno desenvolver políticas públicas de vivenda efectivas e eficaces que permitan deter e reverter a espiral de encarecemento para o acceso á vivenda. Néstor Rego traslada a Isabel Rodríguez durante a comparecencia as medidas que o BNG defende: colocar no mercado o maior número de vivendas posíbel a prezo taxado, especialmente en aluguer; cesión gratuíta dos inmóbeis da SAREB e reformular o Plan Viena; regulación efectiva dos arrendamentos turísticos e de temporada ou limitar os xuros das hipotecas, entre outras.

A vivenda é, a día de hoxe, «un dos principais e máis graves problemas ao que se enfronta a clase traballadora, o conxunto das clases populares, especialmente a mocidade». Por este motivo, e ante as declaracións da Ministra de Vivenda apelando á empatía e a solidariedade dos propietarios, o BNG xunto con ERC e Bildu, forzou a comparecencia de Isabel Rodríguez e instouna a desenvolver medidas que permitan atender e atallar este problema.

«O que é preciso son políticas públicas de vivenda efectivas e eficaces que permitan reverter esta espiral. O que precisamos é o impulso á política pública de vivenda, colocando o máis rapidamente posíbel no mercado un número suficiente de vivendas a prezo taxado, especialmente en réxime de aluguer» sinala o deputado do BNG durante a comparecencia da Ministra de Vivenda.

Ademais, Néstor Rego urxe Goberno a ceder de forma inmediata e gratuíta os inmóbeis desocupados da SAREB ás Comunidades Autónomas e Concellos que o soliciten. «Limitar de verdade o prezo dos alugueres e evitar a especulación; reformular o Plan Viena, estabelecendo como prioritario o criterio social; cumprir a totalidade dos compromisos anunciados en relación co impulso á vivenda pública; regular de forma efectiva os arrendamentos turísticos e de temporada; limitar os xuros das hipotecas, ou, mesmo apoio a iniciativas como as cooperativas de vivendas en cesión de uso» enumerou Rego.

Garantir na Galiza o acceso á vivenda

«A ‘mobilización’ de vivendas da SAREB debería implicar a cesión gratuíta a quen ten as competencias, porque xa pagamos por esas vivendas» defende o deputado do BNG. Pola contra, o Goberno limitouse a tentar vender ás CCAA e concellos. «No ano 2023 apenas foron cedidas 350 e, ademais, pagando» recorda.

Na Galiza, exemplifica Rego, a SAREB ten uns 3 000 inmóbeis, metade deles en condicións de seren habitados de forma inmediata ou en pouco tempo. «Cal é o problema para que sexan cedidos á administración galega para iniciar  un programa de vivenda pública/social, especialmente en réxime de aluguer?» pregunta retoricamente.

Por outra parte, engade Néstor Rego, o Plan Viena elaborado polo Goberno -un programa co que a entidade pon ao dispor de investidores privados solos finalistas con capacidade para 10 600 vivendas- prima o criterio economicista no canto do interese social. «Estabelece condicións de rendibilidade para os investidores privados. Están a tempo de reformular o Plan e de priorizar o interese público e os usos sociais» empraza Rego a Rodríguez.

Nin Estado nin Xunta están a resolver o problema: a hemeroteca non mente

Rego lembrou que a Xunta do Partido Popular desatendeu durante anos a política de vivenda pública, con efectos desastrosos. «No caso da Galiza, o inmenso impulso que deu o BNG desde o goberno, entre 2005 a 2009, foi inmediatamente abandonado polo PP. Con todo, beneficiou aínda uns anos da inercia das vivendas proxectadas e en construción, mais cando esa inercia desapareceu a vivenda pública na Galiza tendeu a cero» subliña Rego  No Plan de Vivenda entre 2015 e 2020, exemplificou o deputado do BNG, só se materializaron na Galiza gobernada polo Partido Popular 40 vivendas, «unha auténtica vergoña», sentenciou.

Mais, na opinión do deputado nacionalista, o autodenominado «Goberno máis progresista da historia» nos últimos seis anos non actuou moito mellor, pois as súas  políticas en materia de vivenda caracterizáronse esencialmente pola propaganda e pola «inacción e mesmo por actuacións que resultaron falladas». A Lei de Vivenda, lembrou Rego tal e como xa advertira o BNG durante o seu debate e votación, ficou curta e resultou claramente insuficiente, e medidas como o «bono xoven» demostráronse mesmo contraproducentes, provocando un efecto non desexado de incremento dos prezos. Por iso o BNG insiste en propostas que son imprescindíbeis para resolver de verdade o acceso a unha vivenda digna.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario