A Consellería do Mar conta cun espazo institucional propio máis amplo e conta coa participación de 17 empresas coexpositoras da cadea mar-industria galega, catro máis que na última edición
A Xunta continúa impulsando a internacionalización das empresas da cadea mar-industria da comunidade promovendo a súa presenza nas principais feiras internacionais co obxectivo de facilitar o contacto das empresas galegas con potenciais clientes así como potenciar a chegada dos produtos pesqueiros galegos a novos mercados. Deste xeito, a Consellería do Mar contou cun espazo institucional propio na nova edición do Salón Internacional da Alimentación (SIAL) de París.
O Goberno galego asiste cun stand, ampliado respecto á última edición, no que 17 empresas do sector, especialmente conserveiras, e á organización Anfaco-Cecopesca, participan como coexpositoras. Ademais, outra compañía acode na modalidade de centro de negocios. Así, Galicia dispón dun escaparate propio e singular no que amosar a calidade e sabor dos produtos alimentarios mariños elaborados na comunidade a potenciais clientes.
O evento, de carácter bienal, desenvolveuse desde o 19 ao 23 de outubro con máis de 7.500 expositores de 130 países con máis de 400.000 produtos en exposición que atrae a máis de 265.000 visitantes profesionais procedentes de máis de 200 países. Cifras que sinalan a cita francesa como o principal evento alimentario do mundo.
Na última edición do 2022 o 83% dos compradores realizaron transaccións no lugar ou despois da súa celebración. Ademais, os expositores reportan máis de 6 meses de facturación adicional tras a súa participación na feira e respecto aos contactos realizados, 8 de cada 10 declara que son de calidade.